Bricolabs organiza este sábado 23 un obradoiro de montaxe de Escornabots

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

Bricolabs vai organizar esta semana un Obradoiro de montaxe de Escornabots. O taller centrarase na presentación e montaxe do Escornabot HFD, unha nova versión do clásico robot educativo con diversas vantaxes técnicas. A actividade desenvolverase na zona maker da Domus da Coruña o día 23 de outubro de 10 a 14 horas en versión directo e en liña simultáneos. Hai dispoñíbeis 20 prazas (ata un máximo de 10 en modalidade online).
A organización fai saber que entregará todo o necesario ás persoas participantes para seguir o taller de montaxe do robot, aínda que tamén se permitirá que os asistentes acudan co seu propio material (como computador, soldador, polímetro, ferramentas pequenas, etc). Dadas as características do Escornabot como ferramenta pedagóxica, darase preferencia na actividade ás persoas que traballan no mundo da docencia. As inscricións están abertas na páxina do Escornabot HFD.
Escornabot-HFD
Escornabot HFD é un proxecto nado coa celebración do Hardware Freedom Day para mellorar, construír e conquistar o mundo co Escornabot.
Grazas ao convenio AGUSL entre a Xunta de Galicia a través da axencia AMTEGA e diversas asociacións e grupos de usuarios de software libre, Bricolabs puido converter en realidade o desenvolvemento e probas do proxecto e unha pequena tirada de kits.
Dende Bricolabs informan de que “a celebración do HFD é a escusa perfecta para marcar fitos relacionados con FLOSHS (Free Libre Open source Hardware e Software)”. No caso concreto do Escornabot-HFD, engaden que é unha oportunidade axeitada para, por unha banda, desenvolver unha nova versión verde da PCB Escornabot que poida funcionar con baterías recargábeis, e, pola outra, recoller as experiencias do que supuxo a edición Escornabot-HFD
Escornabot
Escornabot é un proxecto de código/hardware libre e aberto cuxo obxectivo é “achegar a robótica e a programación aos nenos e nenas”. Naceu en Bricolabs Hacklab en xullo de 2014. Segundo fan saber dende Bricolabs, aseméllase moito a algúns robots educativos comerciais, pero “é moito mellor por varias razóns”, entre as as seguintes:
• “Podemos facelo nós cos nosos alumnos, fillos, curmáns pequenos… Calquera pode axudar participando no proceso dende o principio. O pracer de fabricar o teu propio Escornabot fai que sexa unha experiencia estupenda, sobre todo se hai nenos participando”.
• "É un proxecto de hardware aberto (OSHW) e software libre (FOSS) e podemos adaptar as súas características ás nosas necesidades: poñerlle sensores, LED, cambiar a apertura do ángulo de xiro, a distancia que avanza…" .
• "É (por prezo) máis accesíbel que outros robots educativos comerciais. Montar un Escornabot pode custar menos de 30 € se sabes onde comprar os compoñentes".

PUBLICIDADE