Brión achégalle a certificación europea de manexo do ordenador ao seu alumnado
venres, 2 de xullo do 2010
Un total de 85
veciños e veciñas do Concello de Brión, na provincia da Coruña, veñen de
participar, ao longo dos últimos doce meses, nos cursos de informática de
usuario organizados pola entidade pública, uns cursos formativos nos que as
persoas asistentes aprenderon a desenvolverse con programas de utilidade de
Microsoft para o seu día a día tales como o Word,
o Access ou o Powerpoint, entre outros.
Os cursos estaban
divididos en cinco módulos e foron deseñados de tal maneira que as persoas
asistentes ían facendo as clases ao seu ritmo, dispoñendo do seu tempo como
mellor lles cadrara co desenvolvemento do seu día a día.
O alcalde de
Brión, Xosé Luís García, e a concelleira de Cultura, Patricia Vázquez,
presidiron onte mesmo a entrega dos diplomas acreditativos aos alumnos e
alumnas ao tempo que os felicitaron polo interese mostrado nesta iniciativa.
Segundo palabras
do edil, que animou ao alumnado a seguir participando en novos cursos que
organice o Concello,“antes dicíase que un
era un analfabeto se non sabía ler e escribir, agora es un analfabeto se non
sabes utilizar un ordenador”.
O mellor desta
iniciativa, ademais de formar aos veciños do lugar e capacitalos para usar as
ferramentas tecnolóxicas que teñen na casa, é que moitas persoas asistentes
teñen a oportunidade de converter os seus diplomas acreditativos nunha Acreditación Europea de Manexo do Ordenador,
un certificado oficial da Fundación ECDL (European Computer Driving Licence)
que ten un recoñecemento a nivel internacional e no que Brión, segundo afirman “é o único concello de Galicia que o pode
entregar”. Estas acreditacións ECDL certifican que o alumno posúe unha
formación básica e completa en informática a nivel de usuario e supoñen tamén
unha garantía para as empresas e as administracións que contratan a esas
persoas.
Iso si, para
conseguir estas certificacións os alumnos e alumnas terán que superar un exame
previo dos seus coñecementos; unha serie de probas que están estruturadas en
sete módulos, que coinciden cos cursos de Informática de Usuario que impartiu o
devandito Concello.
Asemade, no
vindeiro curso os alumnos que se examinen en Brión poderán optar a un
certificado de calificación en tecnoloxías da información recoñecido a nivel
internacional.