Broadcom retira a oferta de compra por Qualcomm

mércores, 14 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Expositor de Qualcomm na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona

Dende o pasado outono o fabricante de semicondutores Broadcom está a negociar a compra do seu meirande competidor, Qualcomm, tendo que escalar paulatinamente a súa oferta económica (de 130.000 a 160.000 millóns de dólares), considerada insuficiente, pero finalmente deron o brazo a torcer e retiran a súa oferta de compra, non porque non consideren atractiva a operación que os colocaría nunha situación privilexiada, senón porque a Casa Branca decidiu bloquear a compra por considerar un risco para a seguridade que unha compañía estranxeira tomase o control de Qualcomm.
Broadcom pretendía trasladar a súa sede oficial aos EE.UU. para minimizar o control gobernamental sobre a operación de compra de Qualcomm, pero a orde presidencial emitida o pasado luns facía imposible que directivos de Broadcom puidesen participar na dirección de Qualcomm. Queda agora por ver se o cambio de domicilio de Broadcom pode servir para mudar o parecer da Administración Trump, permitindo unha operación que aínda parecía lonxe de pecharse.
Dende Broadcom continúan convencidos da necesidade de medrar par consolidar unha posición nun sector moi competitivo e dinámico, no que gañar volume é crucial para a supervivencia, polo que non sería de sorprender que no futuro retomasen as negociacións para absorber grandes compañías do seu sector.

PUBLICIDADE