Bruce Lee estará presente en EA Sports UFC

luns, 7 de abril do 2014 Marcus Fernández

O xogo de Electronic Arts editado coa licenza do campionato oficial de artes marciais mixtas máis coñecido do mundo, o Ultimate Fighting Championship, sorprende este ano non só estrear versións para consolas de nova xeración (que chegarán ao remate do ano), senón tamén porque aos fieis xogadores que opten por reservar o xogo recompensaráselles cun loitador inédito neste tipo de xogos, que non é outro que o célebre Bruce Lee.
En EA Sports UFC non só poderemos controlar a Bruce Lee se reservamos o xogo, senón que tamén será posible desbloquear o loitador superando o modo carreira do xogo en dificultade pro ou superior, polo que tardaríamos en poder conseguir tal fazaña (mentres que os incondicionais poderán gozar da lenda das artes marciais dende o primeiro día).
Aínda que Bruce Lee nunca participou nunha competición de artes marciais mixtas modernas, o feito de que o actor fose toda unha icona das artes marciais levou aos creadores do xogo de EA Sports a querer levalo dentro do octógono onde se desenvolven os combates de UFC, para o que tiveron que coller numeroso material achegado por Bruce Lee Enterprises, para poder crear unha representación tridimensional do célebre personaxe, ante a imposibilidade de dixitalizalo como se fai cos loitadores actuais.
O traballo de modelado foi todo un reto, pois había que conseguir un personaxe realista, que tivese certo realismo ante o numeroso tipo de situacións nas que se encontrará durante os combates, procurando respectar os seus sinais de identidade, pero sen dar a impresión de ser un ser sobrehumano como chega a desprenderse da súa iconografía.


Trailer do xogo no que anuncian a incorporación de Bruce Lee ao cadro de loitadores

PUBLICIDADE