Buddy, a reinvención do colar para cans

luns, 17 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Nun momento no que os humanos estamos a reintroducir nas nosas vidas correas no noso pulso baixo o nome de smartwatches, a compañía australiana Squeaker quere facer o mesmo cos cans, reinventando os seus colares con Buddy, un colar iluminado que integra monitorización de actividade e GPS facilitando un mellor seguimento da nosa mascota, para o que buscan financiamento a través de Kickstarter. O proxecto busca xuntar 385.000 dólares australianos (255.410 euros) dos que xuntaron preto da terceira parte, aínda que facerse con un destes accesorios non será precisamente económico, xa que un colar con todas as prestacións chegaría a custar 405 dólares australianos (268,68 euros) aos que habería que engadir os gastos de envío e, para máis inri, agardar preto dun ano para recibir o produto. O fabricante tamén conta con configuracións máis limitadas do colar, que optan polas súas distintas prestacións, de xeito que poderán mercarse edicións do colar centradas na iluminación (que custaría uns 163 euros) ou na monitorización de actividade (216 euros), quedando o GPS para o modelo máis caro.
O concepto do colar Buddy é bastante curioso, pois trátase dun dispositivo que integra luces LED de cores personalizables que buscan inicialmente unha boa seguridade para cando paseamos co noso can en horas de pouca luz, xa que o farían visible para condutores, ciclistas e outros viandantes, tendo resistencia dabondo como para poder substituír a un colar tradicional, e na súa versión máis completa podería servir tamén como localizador GPS (o que serviría principalmente para definir un perímetro de xeito que se dispararía unha alerta se o can sae do mesmo) e un sistema de monitorización de actividade na liña das pulseiras que tan de moda están entre os humanos, e que nos diría as calorías que queima o cadelo, os seus minutos de sono, os seus paso... e incluso a súa inxesta calórica. Serviría incluso para vixiar a temperatura da mascota, lanzando unha alerta se o animal colle moita calor ou frío.
O colar Buddy é resistente á auga, flexible, lixeiro e cunha batería recargable que só habería que conectar a corrente 1 hora cada 7-14 días. No caso de querer facer un seguimento en tempo real do noso can, sería preciso introducir no Buddy unha tarxeta SIM, de xeito que actuaría como o GPS do noso smartphone (sendo compatible coa meirande parte de redes 2G/3G do mundo).
No caso de conseguir dobrar os cartos que pretenden xuntar con esta campaña, intentarán que o colar incorpore micrófono e altofalante (de xeito que permitiría unha interacción sonora), de multiplicar o obxectivo por 4 incorporaríase monitorización cardíaca e, de multiplicar por 5 incluso poderá contar cun sistema cinético de carga (para que o propio movemento do can puidese recargar a batería durante o día).

Vídeo promocional do colar Buddy

PUBLICIDADE