Bugallido (Ames) presentou un flashmob das letras galegas con música de Guadi Galego

martes, 2 de xullo do 2024 S. P.

O pasado venres 28 celebrouse en Ames a presentación do vídeo flash-mob que elaboraron as asociacións veciñais e culturais de Bugallido, en Ames. No acto participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e o alcalde de Ames, Blas García, entre outras personalidades. O vídeo tivo o seu xermolo na gran festa organizada polos ditos colectivos para celebrar o pasado 17 de maio: a Carballeira das Letras.
Esta cita, que contou coa colaboración do Concello e da Secretaría Xeral da Lingua, incluíu obradoiros sobre Luísa Villalta, un xantar campestre con foliada e a gravación dun vídeo a partir do tema Chea de vida da cantante Guadi Galego (veciña de Bugallido), unha acción colectiva na que confluíron música, lingua e arte. O audiovisual foi dirixido por Carlos Abal. No mesmo acto deste venres no centro cultural A Mahía tamén se presentou o novo logotipo deseñado para identificar de maneira conxunta as asociacións locais: Centro Cultural Mahía, Veciñal San Pedro e Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído.
No vídeo-clip participou un nutrido grupo de veciñas e alumnos das actividades que organizan as ditas asociacións de Bugallido, e tamén o público que acudiu á pasada festa da Carballeira das Letras, do 17 de maio. O obxectivo foi “dar visibilidade aos espazos cotiáns nos que o idioma propio funciona como elemento de cohesión e de dinamización social”.
Valentín García destacou o labor exemplar das asociacións locais en prol da cultura e da lingua galega e recoñeceu que “en Bugallido realmente hai unha comunidade especial onde tres asociacións se unen e traballan para conseguir obxectivos comúns”. Mostrou tamén a súa satisfacción de compartir o acto con Guadi Galego, “a primeira persoa particular que recibiu o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español”.

PUBLICIDADE