Bungie estrea o seu novo xogo como servizo: Marathon

xoves, 5 de marzo do 2026 Marcus Fernández

Marathon chega hoxe ao mercado para PC e consolas cunha proposta que Bungie pretende converter nun shooter de supervivencia e evacuación en evolución constante. O estudio responsable de Halo e Destiny abre así unha nova etapa cun título multixogador ambientado na colonia perdida de Tau Ceti IV, onde os xogadores asumirán o papel de corredores biocibernéticos que exploran un planeta hostil na procura de botín e segredos.
O lanzamento prodúcese simultaneamente en Steam, PlayStation 5 e Xbox Series X|S, con compatibilidade tanto con xogo cruzado como con progreso compartido entre plataformas.
No xogo, os participantes deberán rexistrar as instalacións abandonadas da colonia de Nova Cascadia e sobrevivir fronte a forzas de seguridade hostís, rivais humanos e contornas imprevisibles. O obxectivo será evacuar con recursos e equipamento valioso, nun sistema que combina exploración, combate e risco constante de perda do botín.
Marathon nace como un xogo estruturado en tempadas trimestrais. Cada unha delas incorporará novos elementos de xogabilidade, equipamento, zonas e eventos, así como cambios na progresión e na narrativa. Non haberá expansións tradicionais nin contidos descargables de pago obrigatorios, senón actualizacións periódicas que modificarán o mundo do xogo ao longo do tempo.
A primeira tempada leva por título A morte é o primeiro paso e sitúa aos xogadores no inicio dunha nova carreira polo control de Tau Ceti IV. A historia céntrase nun conflito entre diferentes faccións interesadas en descubrir que ocorreu cos 30.000 colonos desaparecidos da colonia. Durante as expedicións, os corredores poderán explorar tres zonas iniciais do planeta e desbloquear posteriormente unha cuarta área situada na nave Marathon, suspendida en órbita.
No lanzamento estarán dispoñibles seis faccións, seis armazóns de corredor e 28 armas, ademais de múltiples implantes e modificacións para personalizar o equipamento. Ao longo da tempada tamén se introducirán eventos, melloras de equilibrio e novos elementos xogables, mentres que o modo competitivo chegará a mediados de marzo.
O sistema de tempadas implicará reinicios periódicos do progreso en equipamento e contratos, unha decisión destinada a manter o equilibrio e permitir que novos xogadores se incorporen sen desvantaxe. Con todo, conservaranse os cosméticos, os logros e os elementos narrativos descubertos.
Ademais das edicións estándar e deluxe do xogo, Bungie puxo á venda unha edición para coleccionistas que inclúe unha estatua do armazón de roubo a escala 1:6 con iluminación LED, unha miniatura da criatura WEAVEworm, varias postais ilustradas e unha caixa de exposición con póster lenticular. Os compradores tamén recibirán obxectos cosméticos adicionais para utilizar dentro do xogo.
O lanzamento vén acompañado tamén dun mando DualSense de edición limitada inspirado na estética futurista de Marathon, cun prezo de 84,99 euros.
Con esta nova franquía, Bungie aposta por un modelo de xogo como servizo baseado nun mundo en constante evolución, no que as decisións e accións da comunidade irán influíndo na narrativa e no desenvolvemento das seguintes tempadas. O universo de Tau Ceti continuará expandíndose nos vindeiros anos a medida que os xogadores descubran os segredos da colonia desaparecida.

Tráiler de lanzamento de Marathon