Burela pecha con éxito o Campamento Dixital de Cibervoluntarios

mércores, 13 de agosto do 2025 S. P.

O Concello de Burela, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, clausurou este pasado venres (8 de agosto), na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional, unha nova edición do Campamento Dixital de verán, que se desenvolveu do 4 ao 8 de agosto e que contou cunha ampla participación de rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos.
Durante cinco días, a mocidade participante adquiriu competencias en ciberseguridade e uso responsable das ferramentas dixitais, ao tempo que experimentou coa tecnoloxía a través de xogos, retos, dinámicas creativas e actividades adaptadas a cada idade.
A formación incluíu desde a creación de vídeos e aplicacións móbiles ata a prevención do ciberacoso, o pensamento crítico ante as noticias falsas e o uso ético da Intelixencia Artificial.
O campamento enmárcase no Programa de Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.
A participación foi totalmente gratuíta e, ao rematar, as persoas asistentes recibiron o certificado oficial DigComp, que acredita as competencias dixitais adquiridas.
Mario Pillado, tenente da alcaldesa de Burela, destacou “a implicación e o entusiasmo dos nenos e nenas que participaron, así como a confianza das familias nesta iniciativa”. Engadiu ademais que “o Campamento Dixital é unha oportunidade única para que a nosa mocidade aprenda, se divirta e adquira habilidades esenciais para o seu futuro, sempre dun xeito seguro e responsable”.
Desde o Concello agradeceron a colaboración da Fundación Cibervoluntarios e o traballo do equipo educativo: “Gustariamos resaltar a importancia de ofrecer actividades que fomenten a educación dixital e a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento”, concluíu o tenente da alcaldesa.