Buscan financiamento para facer un videoxogos de Venres 13

mércores, 14 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A saga de películas de Venres 13 conseguiu converterse en todo un referente no xénero dos slashers, de xeito que o Campamento de Crystal Lake e o seu asasino en serie son xa figuras da cultura popular, e agora prometen chegar ao mundo dos videoxogos grazas a unha campaña de micromecenado que está a desenvolverse en Kickstarter e que pretende xuntar 700.000 dólares para que en cousa dun ano poida ser realidade o xogo multi-usuario Friday the 13th: The Game.
Detrás deste proxecto está Gun Media, estudio que busca construír un multi-xogador asimétrico, no que un usuario tomará o rol de Jason Voorhees, perseguindo a outros 7 xogadores que deberán fuxir do carismático asasino, o que sería case por casualidade, xa que a idea deste xogo inspirado en Venres 13 ía chamarse inicialmente Summer Camp, pero tras conversar co director da saga cinematográfica conseguiron que lles ofrecese a licenza da franquía para facer o xogo. E non só conseguiron que o director Sean Cunningham se involucrase neste proxecto, senón que tamén ficharon ao actor Kane Hodder, que retomaría o rol de Jason nas sesións de captura de movemento.
Os interesados en patrocinar este xogo para facerse cunha copia cando estea rematado poderán achegar a partires de 30 dólares para facerse cunha copia dixital para PC, Xbox One ou PS4, que ten toda a pinta de superar a súa meta de financiamento en poucos días, xa que hai moito o interese por un título editado deste xeito: afastado das canles tradicionais, o que permite un nivel de violencia e liberdade que dificilmente acadaría de terse comercializado a través dunha editora tradicional.

Tráiler de presentación do xogo

PUBLICIDADE