Buzzard 2 achega a banda larga móbil ao noso automóbil

venres, 14 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Os dispositivos para compartir unha conexión de banda larga a través de Wi-Fi como os MiFi conseguiron certa popularidade nos últimos anos, e a operadora británica EE está a innovar neste terreo ofrecendo o seu Buzzard 2, un trebello de 88 x 59 x 49 milímetros e 64 gramos de peso que podemos conectar directamente ao acendedor do coche para compartir unha conexión 4G a través de Wi-Fi N, resultando ideal para gozar de acceso á Rede dende distintos trebellos (até 10 á vez) durante as viaxes. O Buzzard 2 tamén inclúe un porto USB para poder recargar a batería dun smartphone ou tablet durante os desprazamentos na estrada.
Este curioso dispositivo véndese a un prezo de 79,99 libras esterlinas (100,72 euros), aínda que os británicos poden conseguilo subvencionado cando contratan un plan de datos, de xeito que custaría 19,99 libras (25,17 euros) cun plan mensual de 1 Gb de datos a un prezo de 10 libras/mes ou de balde para plans de 3 Gb de datos por 15 libras/mes de adquirir un compromiso de permanencia de 24 meses (no caso de non asinar o compromiso o trebello non baixaría das 19,99 libras). EE tamén ofrece plans de 15, 25 e 50 Gb por 20, 30 e 50 libras respectivamente.

PUBLICIDADE