CATEC Galicia mostra ao Concello de Ames os seus avances en tecnoloxías aeroespaciais

xoves, 20 de marzo do 2025 S. P.

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron o pasado venres, 14 de marzo, a sede de CATEC en Galicia, situada no parque empresarial Novo Milladoiro. CATEC, Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales, é o único centro tecnolóxico en España dedicado exclusivamente ao sector aeroespacial. Impulsado pola Junta de Andalucía a través de FADA (Fundación Andaluza para o Desenvolvemento Aeroespacial), combina innovación e excelencia nunha contorna de colaboración público-privada.
Durante a visita, o equipo de CATEC, con Lucía Lloret á fronte como responsable da oficina amesá, presentou CATEC xunto ao traballo que realizan neste centro tecnolóxico, e en especial os principais proxectos e actividades que se desenvolven en Galicia, destacando os traballos que se realizan baixo a dirección de Aviónica e Sistemas. García e Paz puideron coñecer zona de oficinas e o taller da sede galega, e no transcurso desta estadía o rexedor destacou o orgullo que supón para Ames contar con empresas da calidade como CATEC. “Sentímonos moi orgullos do traballo que realizan empresas como CATEC no noso concello. No parque empresarial do Milladoiro contamos con empresas que son punteiras a nivel nacional e internacional nos sectores da innovación, tecnoloxía, comunicación e audiovisual, algo que temos que coidar e potenciar para seguir medrando”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “Marta Arufe, xefa de proxecto do centro CATEC, e Alejandra González, enxeñeira de robótica aérea en Galicia desta empresa, participaron nas charlas programadas polo Concello de Ames nos IES de Ames e do Milladoiro con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Para nós é un orgullo que profesionais da empresa CATEC se implicasen nesta iniciativa e lle amosasen á mocidade amesá as posibilidades que ofrece o ámbito da ciencia e a tecnoloxía na actualidade”.
Trala visita, gozaron dun almorzo durante o que aproveitaron para falar das posibilidades de colaboración co Concello ao obxecto de buscar sinerxías con outras empresas da zona, e a posibilidade de levar a cabo traballos técnicos en colaboración co Concello de Ames, como probas de voo en certos espazos.