CD Project Red pagará 1,85 millóns de dólares para rematar cunha demanda colectiva

xoves, 16 de decembro do 2021 Marcus Fernández

O lanzamento de Cyberpunk 2077 non só foi accidentado, senón que incluso pode ser considerado unha fraude, xa que CD Projekt Red ocultou até o último minuto os problemas que presentaba o seu traballo en consolas da anterior xeración, e incluso en equipos potentes o xogo presentaba numerosos erros que chegaban a imposibilitar completar a aventura. Tan mal era o estado do xogo que a propia Sony retirouna das súas tendas dixitais e moitos usuarios pediron a devolución dos cartos pagados polo título.
Ante esta situación o estudio tivo que facer fronte a unha demanda colectiva, que finalmente rematou nun acordo no que a compañía aceptou pagar 1.850.000 dólares, cantidade que pode resultar ridícula se temos en conta os millóns de copias vendidas do xogo e que o seu orzamento superou os 316 millóns de dólares.
Cómpre destacar que a demanda colectiva non partiu de consumidores, senón de accionistas que consideraron que a empresas enganou sobre a súa situación e, aínda que Cyberpunk 2077 conseguiu boas vendas, o dano á súa reputación por mor da comercialización claramente sen rematar tivo un efecto directo na valoración da compañía (que no último ano perdeu un 54% da súa cotización bolsista).

PUBLICIDADE