CESGA e CiTIUS amosan na USC o potencial dos recursos dixitais nas Humanidades

luns, 20 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Explorar as posibilidades das ferramentas TIC nos ámbitos das Ciencias Sociais e as Humanidades: ver de primeira man os puntos onde todos os eidos se tocan e se enriquecen mutuamente. Este é un dos grandes obxectivos da xornada prevista para este xoves 23 no salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. A cita, unha oportunidade para tender pontes entre áreas de coñecemento “aparentemente afastadas”, vén da man da USC e conta coa colaboración dos centros compostelás CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) e CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia).
O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e o director xeral do CESGA, Mauro Fernández Dabouza, abrirán a xornada dando paso a unha mesa de debate sobre as oportunidades das tecnoloxías dixitais e a súa aplicación á investigación en Humanidade e Ciencias Sociais nas que se mostrarán as capacidades achegadas neste ámbito polo CESGA e o CiTIUS. Nela falarase sobre análise de información a gran escala (Big Data), aprendizaxe profunda (Deep Learning), Intelixencia Artificial, Sistemas de Información Xeográfica, procesamento da linguaxe natural ou visualización, entre outras cuestións relevantes.
A continuación, presentarase experiencias concretas no uso das tecnoloxías dixitais nos ditos ámbitos do coñecemento, por exemplo as iniciativas do CESGA nos proxectos Rural School Cloud, Filmyou ou no arquivo dixital Valle-Inclán.
A xornada rematará cunha sesión de grupos de traballo para a identificación de necesidades e oportunidades, con especial atención ás tecnoloxías dixitais para a ensinanza e a aprendizaxe, o seu uso na investigación en Ciencias Sociais ou as aplicacións para a xestión, estudo, conservación, restauración, accesibilidade e preservación do patrimonio cultural.

PUBLICIDADE