O CETIM mobiliza 2,1M€ en tres proxectos seleccionados para o programa Fábrica Intelixente (GAIN)

venres, 26 de febreiro do 2021 S. P.

A cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sustentábel da Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de seleccionar tres proxectos de I+D+i do Centro Tecnolóxico (CETIM). A finalidade destas iniciativas é mellorar a competitividade do tecido industrial galego a través da implantación das tecnoloxías avanzadas e da Industria 4.0.
En concreto, as tres investigacións industriais sobre xemelgos dixitais, cadea de bloques (blockchain) e materiais e fabricación avanzada son Smart4Slate, Eco-Smart Batt e SmartStore, que mobilizan un total de 9.100.000 euros.
Son froito da colaboración do Centro CETIM con grandes industrias galegas: Cupa, Silicio Ferrosolar e Grupo Nogar.
En palabras do centro tecnolóxico galego, o éxito destes proxectos supón un recoñecemento ao esforzo do CETIM e especialmente á súa area de Industria Dixital, “un eido estratéxico cun futuro prometedor debido á actual demanda do mercado para penetrar na coñecida como cuarta revolución industrial e crear fábricas sustentábeis e intelixentes mediante a aplicación sinérxica das Tecnoloxías da Información e a Comunicación xunto con outras tecnoloxías facilitadoras como a nanotecnoloxía.
· Eco-Smart Batt baséase na fabricación 4.0 sustentábel de nanocompostos e ionoxeles para baterías de alta densidade enerxética, con menor custe e que impulsen a transformación do sector automobilístico. No consorcio de traballo, liderado por Silicio Ferrosolar, participan as empresas ABCR Labs, Ártabro Tech, Enso Innovation (spin-off do CETIM) e o propio centro tecnolóxico galego. O rol do CETIM no proxecto consistirá en optimizar os procesos de produción e rastrexabilidade de silicio metálico (que fornecerá Ferrosolar) e nanofibras de celulosa (en colaboración con Enso) mediante a investigación e aplicación de xemelgos dixitais e blockchain, así como deseñar e validar un proceso de ensamblado e montaxe das novas celas de baterías (novamente en colaboración con Enso) mediante a realización dunha planta piloto automatizada onde se avaliará o seu nivel de adaptabilidade e evolución industrial.
· Pola súa banda, o proxecto Smart4Slate está enfocado á produción intelixente e sustentábel 4.0 de lousa natural (pizarra). O consorcio formado por CETIM e Tecdesoft está liderado por Cupa, a maior louseira do mundo. En concreto, o traballo do centro tecnolóxico consistirá en investigar e personalizar impresoras 3D para a fabricación de novos produtos con formulacións xeopoliméricas. Así mesmo, tamén establecerá comparativas con produtos análogos de lousa natural ou o seu correspondente material para comprobar vantaxes e inconvenientes duns sobre outros.
· Xa por último, o proxecto SmartStore está centrado nun sector que o CETIM cualifica de “ámbito de gran importancia en Galicia”, que non é outro que a loxística portuaria. Ao abeiro desta iniciativa intervirase en todas as fases, desde a estiba no porto até a entrega de mercadoría ao cliente final, pasando polo proceso de custodia de produtos estratéxicos para a actual economía galega como son os graneis sólidos agroalimentarios, os conxelados ou os metais. No consorcio de empresas liderado por Grupo Nogar, o CETIM colaborará con Galigrain, Internacional de Comercio e Servicio, Protea Productos del Mar. P&J Carrasco. O seu traballo consistirá en seguir avanzando na implantación de tecnoloxías punteiras relacionadas coas fábricas do futuro como o modelado con xemelgos dixitais e a combinación dos sistemas de visión artificial coa robótica colaborativa.

PUBLICIDADE