CETIM reúne a toda a cadea de valor da reciclaxe de baterías para lanzar unha iniciativa pioneira en España

xoves, 20 de febreiro do 2025 S. P.

CETIM Technological Centre reuniu esta mañá nas súas instalacións de Culleredo (A Coruña) a 11 entidades de toda España para o lanzamento de RECOBATs, un proxecto no que traballarán durante 48 meses para “crear unha estratexia integral de reciclaxe de baterías abranguendo toda a cadea de valor, desde a fabricación ata a xestión dos seus compoñentes ao final da súa vida útil”, sinalou o CETIM, engadindo que a través desta fronte de traballo tentarase dar reposta aos retos principais que xorden na transición cara á mobilidade eléctrica, principalmente, o incremento na demanda de baterías e de materias primas estratéxicas.
A idea básica é crear un alicerce firme para comezar a romper a dependencia con respecto a China en materia de vehículos eléctricos, baterías e terras raras, materiais indispensábeis para a fabricación de baterías debido ás súas propiedades magnéticas, luminescentes e electroquímicas. Con este obxectivo xorde en parte RECOBATs, e co de “crear novos modelos de xestión e reciclaxe das baterías no remate da súa vida útil, e que permitan soster o crecemento da mobilidade eléctrica e a descarbonización da economía”. Por iso, RECOBATs persegue o desenvolvemento dunha estratexia integral e versátil para a segunda vida e a reciclaxe das baterías de ións de litio ao final da súa vida útil. Para iso, investigaranse diferentes tecnoloxías nas diferentes etapas do proceso, desde loxística e seguridade no transporte, a desactivación, o desensamblaxe automática ou a rexeneración en novas baterías e a reciclaxe directa mediante separación selectiva para a recuperación dos elementos das baterías, como cátodo, ánodo, cobre e aluminio; así como a reciclaxe indirecta, co que se poderá recuperar materiais estratéxicos para darlles unha segunda vida.
Para logralo, RECOBATs conta cun consorcio científico liderado por CETIM Technological Centre e formado por AIMEN, Centro Ibérico de Investigación en Almacenamento de Enerxía CIIAE e CSIC-CENIM. Por outra banda, ECOINTEGRAL, empresa con máis de 20 anos de experiencia na enxeñería de infraestruturas enerxéticas, coordina a agrupación empresarial da que forman parte compañías como Apria Systems, BeeCYCLE, DGH, Envirobat, FCC Ámbito e Recyclia.
Cada unha destas entidades abranguen toda a cadea de valor da reciclaxe de baterías desde a recollida, desensamblaxe e análise de estado, extensión da vida útil, separación selectiva, recuperación de materiais, modelado e visualización do proceso e aplicación de materiais.
RECOBATs non só impulsará o mercado da electromobilidad e enerxías renovábeis, senón que tamén impulsará a recuperación de metais críticos, contribuirá de maneira significativa á mellora da sustentabilidade ambiental, reducindo en polo menos un 70% as emisións de CO2 fronte á obtención por minería extractiva dalgunhas materias primas críticas como Litio, Cobalto ou Níquel e diminuirá a acumulación de residuos en entulleiras.