CIBER.gal esgotou en menos de 15 días as 750 prazas da xornada destinada á cidadanía

luns, 4 de novembro do 2024 S. P.

A 4ª edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER,gal esgotou en menos de 15 días as 750 prazas presenciais dispoñíbeis para o bloque destinado á cidadanía. Así o fixo saber a entidade impulsora deste importante evento, a axencia autonómica AMTEGA, engadindo que “malia todo é posíbel seguir este encontro de xeito en liña”. Este récord de inscricións constata o interese pola temática do encontro, que conta con prazas presenciais e en streaming para os bloques temáticos orientados a empresas e administracións, que tamén están a rexistrar unha alta demanda, confirmou AMTEGA.
A IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade. CIBER.gal, reunirá os días 6, 7 e 8 de novembro na cidade da Cultura a máis de 60 expertos, que abordarán os retos da ciberseguridade desde unha tripla perspectiva: social, empresarial e pública.
Respecto das cifras de participación, AMTEGA confirmou que se superaron as 2.300 persoas inscritas (a día do pasado 1 de novembro). No portal Ciberseguridade Galicia aínda era posíbel estes días reservar praza e consultar o programa completo.
Unha das novidades que incorpora este ano CIBER.gal é a realización de demostracións de produtos, servizos ou solucións de ciberseguridade por parte dalgunhas das entidades que apoian o evento. Así, xa están completas as prazas para as demostracións de ciberseguridade, programadas para o 6 de novembro, patrocinadas por Proofpoint, NTT DATA, Check Point, CTAG, Zscaler e SIA, así como as de obradoiros técnicos e talleres prácticos.
Entre outros profesionais, o encontro contará coa participación do experto en ciberseguridade Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles está o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que traerá á Cidade da Cultura a experiencia road show e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos, que estarán abertos ata o día 8 de novembro. Ademais, David Amor achegarase en clave de humor á ciberseguridade cun monólogo.
Un ano máis CIBER.gal contará coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia coa posta en escena da obra Hixiénico, na que se expoñerán as consecuencias do cyberbulling. Tamén achegarán a súa colaboración os coordinadores dos cursos de ciberseguridade dos centros de FP de Galicia que realizarán catro talleres prácticos.
O Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, está organizado polo Nodo Gallego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración do Colexio de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), e conta co apoio dunha vintena de entidades, entre as que destacan como patrocinadores VIP Gradiant e Telefónica e como patrocinadores estratéxicos Deloitte, Abanca, Proofpoint, SIA, Crowdstrike e Check Point, ademais doutras 44 entidades entre patrocinadores innovadores, estándar e colaboradores.
CIBER.gal busca fortalecer a conciencia dixital e as capacidades tecnolóxicas dos participantes, fomentando unha sociedade máis segura e preparada fronte aos desafíos da era dixital.