CIS Tecnoloxía e Deseño facilita con dous cursos o camiño das pemes ao programa Horizonte Europa

mércores, 28 de setembro do 2022 S. P.

O CIS Tecnoloxía e Deseño da Axencia Galega de Innovación, ao abeiro das súas actividades enmarcadas na rede Enterprise Europe Network, pon en marcha o próximo 3 de outubro unha actividade formativa online dirixido a formar ás pequenas e medianas empresas (pemes) galegas no programa Horizonte Europa. Esta proposta de capacitación consta de dous cursos: un dirixido a pemes sen experiencia previa na participación no programa Horizonte Europa (11 horas) e outro a pemes con experiencia (14 horas e 1,5 horas de mentorado).
GAIN explica que para que “a formación se poida desenvolver dunha maneira máis efectiva e personalizada o número de prazas é limitado”. A selección das entidades participantes realizarase en base á orde de inscrición. A data límite para a inscrición é este 29 de setembro de 2022.
No primeiro dos cursos, inclúense contidos como as principais oportunidades que o Horizonte Europa pon en xogo para as pemes, o portal do participante e os principais pasos para presentar un proxecto a Horizonte Europa. Rematará coa elaboración dunha proposta concreta (redacción, orzamento, solicitude, recursos que nos aseguren o éxito).
A segunda das actividades formativas, dirixida a pemes con experiencia en programas europeos de I+D, compleméntase con contidos avanzados relativos á redacción dos proxectos (anexos técnicos) e as seccións de excelencia, implementación, e impacto, debullando polo miúdo os topics particulares do programa Horizonte Europa.

PUBLICIDADE