CITIC Censa xa ten gañadores para o reto lanzado ao abeiro de Galicia Open Future

venres, 15 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Xa hai entidades gañadoras para o Reto Industria 4.0 lanzado por CITIC Censa ao abeiro do centro de crowdworking tecnolóxico Galicia Open Future, impulsado por Telefónica dende a Cidade da Cultura en Santiago. Segundo informa a operadora, a empresa Siali tratará de mellorar o proceso de fabricación de pezas metálicas semicilíndrica, e o CEIT (Centro de Estudos de Investigacións Técnicas con sede en Guipuskoa), encargarase de emendar problemas de perforación en.
Como lembraremos, a firma CITIC Censa, situada no Porriño, é unha empresa de caldeirería pesada e recipientes a presión que iniciou a súa actividade en 1965, e que no ano 2011 foi integrada dentro do grupo CITIC, un holding chinés que emprega a 140.000 persoas en negocios tan diversos como banca, seguros, enerxía, enxeñaría, tecnoloxías da información e industrias do metal.
No caso particular de CITIC Censa, o 80% da súa actividade está centrada na fabricación de grandes pezas metálicas (sobre todo muíños e fornos) destinadas ao sector da minería, unhas pezas de gran envergadura que, polas súas características, precisaban unhas condicións axeitadas e específicas de carrexado. Deste punto, da necesidade de facilitar o seu transporte, abrollan os dous retos achegados pola empresa.
Polo tanto, os desafíos tiñan relación directa co seguinte: como poden as novas tecnoloxías axudar a CITIC Censa a mellorar o proceso de mecanizado de pezas metálicas semicilíndricas de gran tamaño, por unha banda, e de pezas planas por outro?
No caso da proposta orientada ás pezas semicilíndricas, CITIC Censa buscaba solucionar o problema que xorde cando as pezas se deforman lixeiramente debido á gravidade, a temperatura, as tensións de fabricación e a propia memoria do material, o que fai que os centros dos puntos marcados e cargados segundo plano no Control Numérico por Computadora (CNC) non coincidan co punto real sobre a peza dividida, o que obriga aos operarios a ir axustando manualmente a máquina para que as coordenadas correctas se aliñen co punteiro que está fixado ao CNC.
No caso das pezas planas, nas que se centraba o segundo reto, tratábase de achar solucións técnicas para resolver problemas de perforación asociados sobre todo ás irregularidades das superficies.
Con ambos desafíos, CITIC Censa tiña o obxectivo de “reducir os tempos de mecanizado das pezas, mellorar os prazos de fabricación e aumentar a capacidade produtiva”.
Siali Technologies e CEIT
Siali Technologies, radicada en Santander e especializada en automatización industrial a través de visión artificial, tratará de mellorar o proceso de fabricación de pezas metálicas semicilíndricas de gran tamaño. Estas deben ser seccionadas para o seu transporte e posterior ensamblaxe en destino, pero, como dixemos, sofren unha lixeira deformación que provoca diferenzas entre a peza real xa dividida e a cargada no Control Numérico por Computadora (CNC), segundo o plano, e que provoca que os operarios teñan que axustar manualmente a maquinaria para facer coincidir as pezas.
Pola súa banda, o CEIT buscará solucións técnicas para resolver problemas de perforación nas pezas planas asociados, fundamentalmente, ás irregularidades das superficies.
Siali Technologies e CEIT foron elixidas por un comité técnico de avaliación, tendo en conta criterios como o problema que resolven, o seu grao de adecuación ao reto, a adicación do equipo ou o tempo de posta en marcha das solucións.
Tras a súa designación como gañadoras, Siali Technologies e CEIT desenvolverán nos vindeiros meses un piloto da súa solución con CITIC Censa, para o que recibirán unha axuda de 20.000 euros da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Ademais, tanto os gañadores como o tres finalistas de cada reto poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase á mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Á parte das achegas económicas directas, Siali Technologies e CEIT poderán acceder a un préstamo participativo, até un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia, dependente da Xunta de Galicia. No caso das finalistas, a un préstamo participativo de até 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.
Coa súa participación na edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, CITIC Censa busca mellorar os prazos de fabricación e aumentar a capacidade produtiva da súa planta do Porriño. Convértese así nunha das cinco grandes empresas galegas (Pescanova, FINSA, COREN e COFRICO), que até o momento lanzaron desafíos dirixidos a emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación de todo o mundo, a través de Galicia Open Future.

PUBLICIDADE