CITMAga, AIMEN e CESGA presentan en Madrid un proxecto para levar as vantaxes do cálculo avanzado ás pemes
venres, 11 de marzo do 2022
Ofrecer
ás empresas tecnoloxía matemática punteira feita na nosa terra é
un dos grandes obxectivos do proxecto Hub-PET MSO-ED, que colleu
impulso da man do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática
de Galicia (CITMAga), AIMEN, o CESGA (Centro de Supercomputación de
Galicia) e o Basque Center for Applied Mathematics; e compañías
como AIS Group e AnySolution, entre outras. O
proxecto darase a coñecer nunha xornada o 16 de marzo en Madrid, no
Barrabés Growth Space, en formato presencial e en streaming,
en horario de 10 a 12.15 horas.
Segundo avanzan as ditas entidades, o
Hub-PET MSO-ED achega un un portelo único no que calquera entidade
poderá expor a súa problemática e as súas necesidades en materia
de mellora de procesos, optimización, loxística, identificación de
incidencias en procesos físicos ou aforro de enerxía. “Nun só
punto ofreceránselles as solucións máis adecuadas baseadas en
tecnoloxías matemáticas de vangarda, como o Machine e
o Deep Learning, a estatística, a
simulación, o modelado e o Big Data,
entre outras moitas”, explican, engadindo que se trata dunha
iniciativa “especialmente útil para as pemes, xa que lles
permitirá innovar sen necesidade de dispor de persoal propio de
investigación”. En palabras da investigadora galega Peregrina
Quintela, presidenta da Plataforma
Española de Tecnoloxías de Modelización, Simulación e
Optimización nunha Contorna Dixital (PET MSO-ED), promotora do
hub, “temos a ambición de que desta maneira poidamos contribuír a
desenvolver un tecido industrial eficiente, seguro, sustentable,
resiliente e competitivo”.