CLUSAGA presenta catro novos e revolucionarios proxectos de transformación tecnolóxica alimentaria

luns, 29 de xuño do 2026 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) coordina catro novos proxectos de I+D+i no marco da convocatoria 2025 de axudas a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria e Turismo, financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os fondos europeos NextGenerationEU.
As iniciativas contan coa participación dun consorcio de 25 entidades do ecosistema agroalimentario, tecnolóxico e de innovación: DIHGIGAL, BIOGA, VIRATEC, Soltec Ingenieros, Panoimagen, Gradhoc Smart, Grupo ECO3G, Coesco Deza, Conservas de Cambados, Queixería Barral, Snop Estampación, ASM Soft, Logicmelt Technologies, Kiwi Atlántico, ODS Protein, Queizuar, Isanatur e Contactica.
Estes catro proxectos serán presentados publicamente este martes 30 de xuño nunha xornada que se celebrará no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela) de 12:30h a 14:00h.
A sesión reunirá empresas e entidades do ecosistema de innovación co obxectivo de dar a coñecer as solucións desenvolvidas, fomentar a colaboración entre axentes e visibilizar o impacto destas iniciativas na transformación do sector agroalimentario.
Durante a xornada presentaranse en detalle os catro proxectos:
GEMIAL. Desenvolve un xemelgo dixital orientado a optimizar a planificación produtiva e a xestión de sistemas de frío industrial, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e reducir custos operativos.
SIIOMA. Aplica intelixencia artificial e modelos de linguaxe para mellorar o mantemento preditivo e o control de calidade en contornas industriais, facilitando a toma de decisións en tempo real.
SIMBA. Impulsa unha plataforma de intelixencia colaborativa para fomentar a simbiose industrial entre os sectores agroalimentario e biotecnolóxico, promovendo a valorización de subprodutos dentro dun modelo de economía circular.
SmartLaCO2. Traballa no desenvolvemento dun pasaporte dixital verde baseado en cadea de bloques para reforzar a rastrexabilidade ambiental no sector lácteo, incluíndo indicadores de pegada de carbono e hídrica.
Desde CLUSAGA destacan que estas iniciativas permiten “achegar tecnoloxías avanzadas ás pemes do sector, facilitando o acceso a ferramentas de dixitalización e sustentabilidade que melloran a súa competitividade”.
Ademais, o desenvolvemento destes proxectos busca favorecer unha transformación estrutural do sector agroalimentario galego, reforzando a súa capacidade de adaptación ante os retos enerxéticos, regulatorios e de mercado.
Máis detalles sobre a xornada
CLUSAGA lembra que o sector alimentario está a vivir unha transformación constante na que a innovación é clave para responder ás novas demandas do mercado e mellorar a competitividade empresarial. Polo tanto, a xornada deste martes servirá para presentar iniciativas de empresas do Clúster centradas na mellora de produtos e procesos mediante a incorporación de tecnoloxías innovadoras, como a IA, a sustentabilidade e outras ferramentas dixitais. Ademais, empresas tecnolóxicas do ecosistema do clúster compartirán as súas solucións e capacidades a través de presentacións breves, co obxectivo de impulsar a eficiencia e o rendemento das compañías do sector alimentario.