CLUSAGA presenta catro proxectos que revolucionan o eido alimentario con IA, IoT e blockchain

xoves, 9 de xullo do 2026 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) presentou os resultados dos catro proxectos de I+D+i desenvolvidos ao longo do último ano no marco da convocatoria de 2025 do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria e Turismo. Trátase dos proxectos GEMIAL, SIIOMA, SIMBA e SmartLaCO2, nos que participaron un total de 25 entidades pertencentes ao ecosistema agroalimentario, tecnolóxico e de innovación, deron lugar ao desenvolvemento e validación de novas solucións dixitais orientadas a acelerar a transformación tecnolóxica da industria alimentaria.
A presentación dos resultados tivo lugar durante o Demo Day: Transformando o sector alimentario a través da innovación, unha xornada na que empresas, centros tecnolóxicos e entidades colaboradoras compartiron os principais avances acadados e analizaron o potencial destas ferramentas para a súa transferencia ao tecido empresarial.
O proxecto SmartLaCO2 culminou co desenvolvemento dunha plataforma de análise da circularidade baseada nunha superestrutura dixital ambiental que integra tecnoloxías de IoT (Internet das Cousas), intelixencia artificial e cadea de bloques (blockchain). O principal resultado foi a creación dun Pasaporte Verde Dixital, capaz de certificar de forma inmutable a sustentabilidade de cada lote de produto, reforzando a rastrexabilidade ambiental, combatendo o greenwashing e facilitando o cumprimento das futuras esixencias normativas europeas, como a Directiva CSRD.
No caso de SIMBA, desenvolveuse unha plataforma intelixente para favorecer a simbiose industrial entre empresas xeradoras de subprodutos e provedores de tecnoloxías. Entre os fitos acadados destaca a validación, en contorna industrial relevante (TRL 5), dun sistema de identificación e matching de recursos cun nivel de aceptación superior ao 80 %, capaz de impulsar novos modelos de economía circular e contribuír a reducións potenciais das emisións de gases de efecto invernadoiro de entre o 20 % e o 50 % de cara a 2030.
Pola súa banda, SIIOMA validou unha solución baseada en intelixencia artificial xerativa en catro contornas industriais reais dos sectores da automoción, bebidas, conservas e lácteos. A ferramenta desenvolvida integra a dixitalización de activos e documentación técnica para facilitar o mantemento preditivo e o aseguramento da calidade, mellorando o acceso ao coñecemento industrial e optimizando a toma de decisións en planta.
Finalmente, GEMIAL permitiu consolidar un xemelgo dixital da produción e do frío industrial que integra tecnoloxías IoT, sensórica avanzada, visión artificial e intelixencia artificial para monitorizar procesos en tempo case real. A solución facilita a optimización enerxética, reduce mermas, mellora a eficiencia operativa e establece un marco interoperable de datos que favorece a descarbonización, o cumprimento dos criterios ESG e a competitividade das pemes agroalimentarias.
Innovación colaborativa para transformar o sector
Os catro proxectos contaron coa participación dun consorcio formado por 25 entidades do ecosistema agroalimentario, tecnolóxico e de innovación, entre elas Clusaga, DIHGIGAL, BIOGA, VIRATEC, Soltec Ingenieros, Panoimagen, Gradhoc Smart, Grupo ECO3G, Coesco Deza, Conservas Cambados, Queixería Barral, Snop Estampación, ASM Soft, Logicmelt Technologies, Kiwi Atlántico, ODS Protein, Queizuar, Isanatur, Contactica, Medrar, Hermanos Paniagua e Ignacio González Montes.
Durante a xornada tamén se celebrou o Pitch de Provedores Homologados de CLUSAGA, un espazo destinado a presentar solucións innovadoras e favorecer novas oportunidades de colaboración entre empresas do ecosistema.