CO2 Smart Tech supera as 100 instalacións do seu sistema intelixente de xestión enerxética

martes, 19 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

JPEG - 338.2 KB
Parte do equipo de CO2 Smart Tech, co director de Operacións, Gustavo Amán (terceiro pola esquerda) e o seu director Alberto Méndez (cuarto pola esquerda) /Imaxe de Economiaengalicia.com

A firma innovadora CO2 Smart Tech, con sede en Oleiros e centrada no fornecemento de tecnoloxías avanzadas de control e xestión enerxética en liña, vén de informar dos seus fitos recentes en materia de espallamento dos seus sistemas. Segundo informa, xa deixou atrás o centenar de instalacións nas que se implantou o seu sistema co2st-tem de monitoraxe enerxética smart. Que supón isto en materia de área cuberta? Pois segundo nos contan fontes da compañía, en termos numéricos significa ter baixo supervisión máis de 1.600.000 de m2 de superficie (a nivel industrial e gran terciario). En termos xerais, tamén significa un importante avance nun novo método de consumirmos enerxía, máis sustentábel, racional, eficiente, intelixente e, tamén, cómodo.
Estes avances abranguen o período comprendido dende 2011 até a actualidade. Dese ano, precisamente, data a primeira implantación do sistema. As integracións proseguiron logo, ao tempo que a equipa de traballo de I+D+i avanzou no seu labor de desenvolvemento, mellora e deseño de novas aplicacións. Para impulsar esta liña de traballo, a firma destinou o 25,8% dos recursos ao eido da innovación, “co obxecto de poder ofrecer a máis avanzada solución cloud de eficiencia enerxética”, en palabras de CO2 Smart Tech, que informa que a tecnoloxía de seu ten aplicabilidade en múltiples sectores (alimentación, frío, motor, plástico, madeira) e en todo tipo de industrias de referencia.
Segundo apunta a empresa afondando nas vantaxes da súa plataforma, o desenvolvemento da vertente puramente tecnolóxica e dixital do sistema, o seu alicerce, permitiu a estas empresas reducir o custo de dispor de sistemas de xestión enerxética, “que clasicamente só estaban ao alcance de grandes compañías”, sendo, pola contra, “sistemas imprescindíbeis para apoiar a toma de decisións no referente a redución, control e xestión de custos enerxéticos (gas, auga, electricidade...)”.
Por certo que amais de todo o devandito, o sistema co2st-tem inclúe aplicacións móbiles específicas para tabletas que, sincronizadas cunha aplicación na nube, permiten actuar sobre as instalacións de xeito remoto. Ou sexa, que posibilitan que as empresas xestionen intelixentemente os consumos e custes de subministros de auga, electricidade e gas mediante unha software de balde dispoñíbel e operábel na nube. “Grazas a un dos módulos deste software”, engaden os responsábeis de CO2 Smart Tech, os usuarios dispoñen “dun sistema de xestión de seu que lles permite detectar erros de facturación, dispor de indicadores de evolución de consumos e comparar ofertas de subministro enerxético”.

PUBLICIDADE