COFER ofrece as últimas prazas para o seu programa de transformación de pemes con certificado en IA
mércores, 3 de setembro do 2025
A confederación de empresas ferrolás COFER pon en marcha, da man de Galicia Business School, un programa formativo completamente gratuíto e centrado na transformación tecnolóxica: o Programa Xeración Dixital Pemes (Programa Generación Digital Pymes), que inclúe certificado en Intelixencia Artificial (IA). Como novidade, nesta edición poderán participar empresas desde 1 ata 249 traballadores, incluídas persoas autónomas.
O obxectivo desta formación é capacitar ás empresas para afrontar os desafíos da era dixital e potenciar a competitividade dos seus negocios. O programa abrangue temas clave como a adaptación ao contexto dixital, a mellora da experiencia do cliente, a aplicación de tecnoloxías emerxentes, a Intelixencia Artificial e a xestión do cambio nas súas organizacións, “todo iso desde un punto de vista práctico”, informaron dende a COFER.
A actividade iniciarase o 9 de setembro, e contará con 5 sesións presenciais (que se impartirán no Sercotel Odeón) e 24 sesións dixitais. Cun total de 146 horas. As persoas interesadas no programa poden ampliar información e realizar inscrición na web de COFER na sección de actualidade destacada
Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración asinado entre COFER e Galicia Business School, que ten entre os seus fins facilitar o desenvolvemento dos profesionais e directivos da nosa área de influencia.
