COGAMI e Equalitas Vitae amosarán nos móbiles os destinos galegos accesíbeis
martes, 30 de xaneiro do 2018
Entre as iniciativas presentadas na pasada edición
de FITUR que nos collen de preto atopábase un
proxecto innovador que converterá a nosa terra nun destino accesíbel
e favorábel para todas as persoas que decidan visitar Galicia,
teñan as características motrices e funcionais que teñan. O
proxecto foi dado a coñecer pola confederación galega COGAMI e a
empresa Equalitas
Vitae, e consiste nun traballo conxunto con vertentes turísticas,
tecnolóxicas, culturais, hostaleiras, gastronómicas e, por suposto,
inclusivas. Ao abeiro da iniciativa, impulsada polas dúas ditas
entidades, COGAMI realizará estudos para diagnosticar as condicións
de accesibilidade no aloxamentos e oferta turística e cultural con
propostas de melloras nos casos nos que existan carencias nesta
materia.
Segundo fixo saber o presidente de COGAMI, Anxo
Queiruga, o proxecto é de gran importancia para todos os colectivos,
e máis se tempos en conta “a importancia do lecer, un elemento
básico na nosa vida cotiá, amais dun dereito e un factor de
inclusión social, polo que temos que acceder en igualdade de
condicións ao goce do turismo”.
Equalitas Vitae, pola súa banda, axudará na
promoción e na visibilidade dos destinos que cumpran cuns requisitos
de accesibilidade establecidos e que garantan un servizo turístico
de calidade para clientela con necesidades especiais. Ditos recursos
aparecerán promovidos na páxina web www.equalitasvitae.com,
portal referente en promoción do turismo accesíbel, e máis na
aplicación móbil Turismo accesible, operativa para Android e
IOS.
Durante a presentación, que contou coa presenza
do xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael
Sánchez, tamén se anunciou que aqueles establecementos que cumpran
coas condicións de accesibilidade establecidas van recibir un
Distintivo de Accesibilidade, #Galiciaaccesible, un
certificado que garanta un nivel de accesibilidade que testemuña que
as instalacións son aptas para persoas con discapacidade. “Con
esta iniciativa”, fíxose saber na cita en FITUR, “trátase de
incentivar ás empresas ou entidades turísticas que traballan en
iniciativas de turismo inclusivo e dálas a coñecer dentro do
colectivo de persoas con diversidades funcionais”.