COGAMI e FEMXA achegan cursos online para profesionais do sector educativo

venres, 12 de setembro do 2025 S. P.

A confederación inclusiva COGAMI e a empresa galega de elearning FEMXA iniciaron setembro difundindo unha nova convocatoria de cursos de formación 100 % en liña e gratuítos, que ofrecen flexibilidade horaria, acceso á plataforma durante as 24 horas do día e apoio a través de titorías especializadas.
Entre a oferta dispoñible destacan os seguintes cursos: Ferramentas dixitais na aula, de 160 horas de duración, afondando en aplicacións e plataformas colaborativas, creación de materiais interactivos e solucións tecnolóxicas para a docencia; Creación de contidos dixitais, mobile learning e gamificación (de 90 horas e co temario centrado no deseño de recursos multimedia, aprendizaxe móbil e actividades de gamificación para motivar ao alumnado) e Atención á diversidade (de 40 horas, poñendo o foco en métodos e adaptacións curriculares para responder a distintos ritmos de aprendizaxe, capacidades e contextos).
Os cursos, desenvolvidos por FEMXA con subvención do Ministerio de Traballo e Economía Social, están dirixidos a persoas traballadoras por conta allea, autónomas e persoal con contrato fixo descontinuo vinculados a sectores como a educación privada e concertada, centros de asistencia e educación infantil, colexios maiores universitarios, servizos de atención á discapacidade, autoescolas, reforma xuvenil, animación sociocultural e outros ámbitos afíns.
Na páxina web de FEMXA pode atoparse máis oferta formativa, que inclúe cursos de formación de formadores en elearning, coordinación de proxectos educativos, educación emocional, prevención do ciberacoso, psicomotricidade na aula ou hábitos en educación infantil, entre outros.
Para reservar praza, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono gratuíto 900 100 957, WhatsApp 619 926 324 ou correo electrónico atencionalumno@femxa.com.