COGAMI e a Fundación Vodafone apostan na nosa terra polo vídeo currículo

xoves, 9 de novembro do 2017 Redacción

COGAMI, a entidade galega de persoas con características diversas, está a apostar pola metodoloxía do vídeo currículo para facilitar o camiño dos seus integrantes de cara a un posto de traballo. A iniciativa, que se materializa a través da área de emprego de COGAMI, estase a desenvolver a través do programa Participa coa Dis-Capacidade, que impulsa a Fundación Vodafone e que serve para que as persoas potencien o uso das novas tecnoloxías durante a súa procura de emprego, a través do que se coñece como currículo 2.0. Segundo informa COGAMI, a importancia do currículo 2.0 é cada vez maior na sociedade actual e noso mercado de emprego. Un exemplo disto é feito de que LinkedIn, a rede social referente no ámbito do emprego, que en España conta con máis de 10 millóns de membros, vén de implantar no seu seo unha ferramenta que permite aos usuarios pendurar un vídeo ao seu perfil.
COGAMI tamén explica que o vídeo currículo consiste nunha presentación audiovisual onde a persoa aspirante a un posto fala sobre si mesma, dando a coñecer as súas aptitudes, habilidades, logros, ambicións e expectativas.
Ao fío do devandito, COGAMI e a Fundación Vodafone ofrecen aos integrantes da confederación galega a posibilidade de gravar o seu propio currículo 2.0, ademais de achegar as pautas necesarias para a correcta difusión do mesmo, tendo como obxectivo final o conseguir unha entrevista persoal.
Unha das persoas que mostrou interese nesta iniciativa foi Felisa Nchama Alogo Abuy, unha moza graduada en Dereito que quere apostar polo audiovisual para presentarse ás ofertas de emprego. Felisa aproveitou esta oportunidade que se lle brinda a través de Participa coa Dis-Capacidade porque, segundo dixo, non quere pecharse a ningunha posibilidade para estar ao día no mercado laboral.

PUBLICIDADE