COGAMI formou a 51 centros educativos en diversidades e tecnoloxías inclusivas

xoves, 1 de agosto do 2019 Redacción

Un total de 51 centros de educación primaria e secundaria de A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense participaron durante este primeiro semestre do ano nun programa da confederación COGAMI (Promoción de Educación Inclusiva) para formar a profesores e alumnado sobre as persoas con necesidades específicas, por unha banda, e sobre as novas tecnoloxías accesíbeis e o seu potencial para favorecer a integración das primeiras, pola outra. O programa, que incluíu actividades de sensibilización, contou coa participación de 232 docentes e 1.115 alumnas e alumnos.
Este proxecto que realiza COGAMI en Galicia faise a través da confederación estatal COCEMFE e é financiado a través dos fondos do 0,7% do IRPF que chegan cando as persoas contribuíntes marcan o recadro de Actividades de Interese Social cando fan a declaración da renda.
As temáticas das formacións impartidas polas tres profesionais que levan a cabo este proxecto son sobre Diversidade afectiva-sexual e de xénero, Dinamización de patios de recreo inclusivos, Boccia e outros deportes adaptados ademais de sobre Produtos de apoio para as Actividades da Vida Diaria e acceso ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC.
A través deste proxecto constituíuse unha rede de titores tecnolóxicos de apoio ao profesorado destinados á atención dos estudantes con necesidades específicas por motivo das súas características e diversidades.
A finalidade é a de promover as melloras na aprendizaxe e previr o fracaso ou abandono escolar en ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios. Segundo informa COGAMI, isto acádase coa introdución de metodoloxías e tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do alumnado.
Este programa conta con titoras e titores que teñen por misión motivar, sensibilizar, acompañar, informar e formar no uso das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que conta nas aulas con estudantes que requiren este tipo de soporte.

PUBLICIDADE