COGAMI lanza campaña nas redes para facer visíbeis 35 anos de traballo pola inclusión

venres, 24 de xaneiro do 2025 S. P.

Este 2025 marca un momento especial para a confederación galega COGAMI, que celebra 35 anos de compromiso coa inclusión das persoas con discapacidade en Galicia. Baixo o lema COGAMI, 35 anos avanzando contigo, a entidade lanza a campaña Eu Decido, un proxecto que busca visibilizar as necesidades, demandas e experiencias do grupo social da discapacidade.
A campaña estrutúrase en vídeos mensuais que serán difundidos a través das canles e redes sociais da organización, por exemplo no Facebook ou no Youtube, como finalidade de mostrar demandas nos diferentes eidos que conforman os proxectos de vida de calquera persoa, como medrar e facer amizades, formarse e atopar un emprego, avanzar en autonomía persoal ou loitar polos dereitos persoais. Entre as e os protagonistas estarán Damián, Emelie, Duarte, Fátima, Elena, Moncho, José Luis, Alex, Carmen, José, Lea, Eladio, Gabri, Dani, David, Isidoro ou Bibiana, que contan como o apoio de COGAMI marcou un antes e un despois nas súas vidas.
COGAMI, con presenza en toda Galicia, leva 35 anos prestando servizos especializados destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias e fomentar a súa participación social en igualdade. En palabras da confederación, Eu Decido é “unha oportunidade para lembrar que todas as persoas teñen dereito a ser protagonistas da súa vida e que, con apoio e inclusión, é posible superar barreiras e acadar metas”.
Con esta iniciativa, COGAMI convida á sociedade a “reflexionar sobre a importancia de garantir a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades, reafirmando o seu compromiso coa construción dunha sociedade máis inclusiva e xusta”.