COGAMI lanza nas redes unha campaña que mobiliza á sociedade galega contra a exclusión

luns, 23 de xaneiro do 2023 S. P.


A confederación galega COGAMI vén de lanzar unha campaña de sensibilización para reivindicar cada mes “a participación social das persoas con discapacidade”. A iniciativa terá ampla difusión a través dos medios de comunicación e redes sociais. O seu obxectivo é “facer visíbeis realidades cotiás que vive o grupo social das persoas con discapacidade”.
Trátase, engadiu a confederación, “dunha chamada de atención para pór o foco nun grupo social que en Galicia está constituído por 243.323 persoas, o que supón o 9% do total da poboación”. Na campaña COGAMI revela un dato preocupante que cómpre corrixir entre todos os axentes sociais: “Malia contarmos cun número tan importante de persoas con moito que aportar, somos un grupo social que, pola nosa vulnerabilidade, vivimos en risco de exclusión social”, apuntou Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.
Esta chamada vai ir acompañada dunha reivindicación mensual que se vai lanzar a todos os medios de comunicación do país e tamén a través das redes sociais de COGAMI e do seu movemento asociativo, actualmente formado por 56 entidades membro representantes da discapacidade física e orgánica.
“Aínda que a situación mellorou coa aprobación de leis que amparan os nosos dereitos, certo é que aínda queda camiño por percorrer para poder ser consideradas e tratadas socialmente en igualdade de condicións que o resto da cidadanía”, subliña Anxo Queiruga, quen engade “por iso é necesaria lanzar esta campaña de sensibilización e denuncia, para que se visibilicen situacións que nos marxinan e nos impiden desenvolvernos en igualdade”.

JPEG - 113.4 KB
Anxo Queiruga (Porto do Son), presidente de COGAMI

A campaña incluirá o lanzamento mensual de reportaxes e pezas audiovisuais en medios de comunicación e redes sociais, “un ámbito de intervención no que traballamos co fin de promover a participación social das persoas con discapacidade en igualdade de oportunidades”.
O obxectivo final da campaña é “sensibilizar á cidadanía sobre a discapacidade, para que a traten con normalidade, como unha condición máis da persoa, ademais de reivindicar que os poderes políticos tomen conciencia de que moitas mulleres, homes, nenas e nenos coas súas familias, viven unha vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos”. Polo tanto, engaden, “o poder político, debe implicarse en mudar esta realidade para poder construír unha sociedade inclusiva”.
Baixo a etiqueta #SomosCOGAMI, dende a Confederación vanse lanzar 12 vídeos, un por mes, que recollerán diferentes demandas de COGAMI necesarias para conseguir a inclusión do grupo social das persoas que representa. A primeira peza audiovisual, que podemos ver en Youtube, é unha cuña que recolle os diferentes servizos que desenvolve a organización que se irán presentando deste xeito:
-Xaneiro. SOMOS COGAMI: Presentación Campaña.
-Febreiro. SOMOS PARTICIPACIÓN: Promovemos a autonomía persoal
-Marzo. SOMOS NENAS E MULLERES: Apoiamos ás nenas e mulleres con discapacidade.
-Abril. SOMOS SAÚDE: Impulsamos a correcta intervención sociosanitaria.
-Maio. SOMOS FORMACIÓN: Impartimos cursos orientados ao emprego.
-Xuño. SOMOS EMPREGO: Xeramos oportunidades laborais.
-Xullo. SOMOS LECER: Fomentamos actividades inclusivas.
-Agosto. SOMOS PRESENTE, SOMOS FUTURO: Atendemos ás necesidades da infancia e a xuventude.
-Setembro. SOMOS ACCESIBILIDADE: Deseñamos contornas espazos para todas as persoas.
-Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo.
-Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social.
-Decembro. SOMOS REIVINDICACIÓN: Contribuímos á participación social en igualdade.

PUBLICIDADE