COGAMI leva á Terra Chá a formación en informática básica

mércores, 13 de febreiro do 2019 Redacción

COGAMI, a confederación galega de persoas con diversidades funcionais e cognitivas, vén de iniciar un curso de informática básica na aula de formación que teñen as instalacións da Autoescola Vilalba, na rúa Alcalde Fraga Bello da vila chairega. Esta actividade, que financia a Consellería de Política Social, consta de 100 horas lectivas que se imparten ata o día 1 de marzo, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Internet, Microsoft Word, Microsoft Excel.
O curso inicia con 12 persoas, 5 mulleres e 7 homes, con idades comprendidas entre os 38 e os 58 anos, que proceden dos concellos de Vilalba e Guitiriz. O obxectivo xeral desta acción formativa, en palabras de COGAMI, é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e Internet. Segundo explica a entidade, o que se pretende é complementar a formación laboral previa dos asistentes, boa parte dos cales vén dos sectores da construción, do agro e da limpeza, polo que a capacitación tecnolóxica valeralles para mellorar currículo, coñecementos e posibilidades de atopar un novo posto de traballo.
Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 234 persoas inscritas na comarca de Terra Chá.

PUBLICIDADE