COINTEGA impulsa a transformación do sector téxtil galego

luns, 9 de xuño do 2025 S. P.

A Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA), no marco do seu Plan Estratéxico 2024-2027, lanzou un ambicioso ciclo de obradoiros enfocados en dous eixos fundamentais: a sustentabilidade e a dixitalización. Estas xornadas prácticas, financiadas polo IGAPE, están a permitir a empresas e profesionais do sector acceder a formación de primeiro nivel, coñecer as últimas novidades normativas e experimentar de primeira man con ferramentas tecnolóxicas de vangarda.
O último exemplo deste labor é o Obradoiro de Dixitalización celebrado o pasado venres 6 de xuño en Vigo baixo o título Neuromarketing e Intelixencia Artificial: A nova estratexia no sector téxtil. Relatores de referencia nacional como Pablo Ferreirós (Brain Ux) e Raúl Ordoñez (@jaspeante) abordaron, respectivamente, o impacto da neuromercadotecnia nos procesos de compra e as aplicacións prácticas da IA para a promoción comercial e empresarial téxtil, desde a xeración de imaxes e descricións de produto ata a predición da demanda.
A xornada incluíu dinámicas participativas, mesas de diálogo e networking, facilitando a creación de novas alianzas e proxectos colaborativos entre as empresas asistentes, e promovendo a adopción de tecnoloxías que xa están a transformar a industria a nivel global.