CONCITI asina un convenio de colaboración co despacho de avogados Pintos & Salgado

martes, 11 de novembro do 2014 Redacción

JPEG - 128.2 KB
Víctor Salgado, de Pintos & Salgado Abogados, nunha charla sobre Dereito 2.0

Seguindo coa súa vocación de defensa e asistencia da profesión en España, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática (CONCITI) vén de asinar un importante convenio de colaboración co bufete Pintos & Salgado Abogados, firma coruñesa de referencia en Dereito das TIC.
Con este convenio, CONCITI pretende asegurar a mellor cobertura xurídica nunha área tan complexa e cambiante como o son, hoxe en día, as tecnoloxías da información. A devandita cobertura, non só beneficiará á propia entidade senón a todos os Colexios Profesionais do territorio nacional e, en definitiva, aos propios enxeñeiros colexiados que se enfrontan a dúbidas normativas no exercicio da súa profesión.
Así mesmo, Pintos & Salgado Abogados non só prestará asesoramento senón que contribuirá aos importantes labores divulgativos e de sensibilización do CONCITI, tanto aos profesionais como á sociedade en xeral, para un uso responsable das tecnoloxías e dos riscos e oportunidades asociados con elas.
Para Marcos Mata, Presidente de CONCITI, "este convenio permítenos gozar da mellor asesoría xurídica en materia de tecnoloxías da información, o cal redundará na mellora da xestión dos procesos internos, e posibilitaranos dar mellor resposta aos Colexios Profesionais de Enxeñaría Técnica Informática. Chegar a este acordo ademais cun bufete de referencia e do prestixio de Pintos & Salgado é todo un respaldo á representación dos profesionais da informática e á xestión do Consello Xeral".
Para Víctor Salgado, Socio-Director de Pintos & Salgado Abogados, "é unha honra para nós asinar este convenio co CONCITI e agradecemos especialmente a confianza depositada no noso bufete. Este enmárcase no compromiso que, dende fai xa máis de 15 anos, temos na difusión e sensibilización ante os riscos e as oportunidades da Rede, así como do coñecemento dos nosos dereitos e do uso responsable das novas tecnoloxías na sociedade. Este acordo con CONCITI permítenos facelo, ademais e de xeito directo, no especial ámbito dos profesionais da enxeñaría técnica informática, cun papel clave nesta Sociedade do Coñecemento".

PUBLICIDADE