CONGALSA remata con éxito a súa conversión en industria intelixente coa axuda de Gradiant

venres, 24 de marzo do 2023 S. P.

CONGALSA, empresa da Pobra do Caramiñal, é un referente en alimentación e, cada vez con pasos máis firmes, tamén en innovación e transformación. Isto quedou constatado novamente este venres 24 de marzo, coa presentación dos resultados do proxecto CONGASL4.0, a estratexia de fábrica 4.0 da compañía, que mobilizou un total de 4,8 millóns de euros nos últimos tres anos e cuxo obxectivo foi “avanzar cara a un modelo de industria alimentaria cada vez máis intelixente e interconectada”.
O proxecto, desenvolvido en colaboración con Centro Tecnoloxico Gradiant, chegou ao seu remate con (en palabras da empresa do Barbanza e do centro vigués) “relevantes resultados”.
CONGALS4.0, proxecto co-financiado con fondos FEDER que contou co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apoiouse firme nas tecnoloxías máis avanzadas, pero tamén no compoñente humano. “Todas as melloras tecnoloxías implantadas na empresa estarán a o servizo das persoas”, comentou o director xeral da compañía alimentaria, Luis Miguel Simarro, quen participou na presentación de resultados (celebrada na sede principal da empresa no Polígono da Tomada), xunto coa directora de Innovación e I+D da empresa, Mónica Cascallar, o director xeneral de Gradiant, Luis Pérez Freire, e o seu director de Sistemas Intelixentes, Daniel García.
Segundo lembraron, o obxectivo principal da iniciativa foi o de desenvolver un modelo de negocio 4.0. para CONGALSA, interconectando procesos produtivos e de xestión. Para logralo, sensorizouse gran parte da planta e desenvolvéronse sistemas para facer monitoraxe en tempo real de diferentes datos de procesos da compañía, integrando esta información con outros procedentes de provedores e clientes. Con isto buscouse dixitalizar a cadea de valor da empresa e automatizar diferentes rutinas de traballo: desde a xestión de mantemento, ata a planificación das fabricacións.
“CONGALS4.0 permitiunos perfeccionar as nosas metodoloxías de análises de datos para estimar e predicir comportamentos de prezos, de materias primas, de vendas de produto e de procesos” detallou Daniel García, director de Sistemas Intelixentes de Gradiant, que engadiu que ao abeiro do proxecto de transformación “incorporamos outras tecnoloxías que axudarán á empresa na prevención de potenciais ciberataques, optimizando a seguridade e privacidade da planta”.
Compoñente humano
Durante a presentación do proxecto, o director xeral da compañía destacou que a tecnoloxía implementada “non vai substituír ás persoas, senón que estará ao servizo das mesmas, de todos os traballadores e traballadoras da empresa”. E engadiu: “Apostamos pola automatización, pero a calidade e as persoas seguen sendo acenos de identidade da nosa empresa”.
Ao fío do devandito, indicou que a implementación de sistemas intelixentes de visión de diferentes produtos axudará, por exemplo, aos operarios para realizar máis eficazmente o seu labor. Tamén dixo que as tecnoloxías de Realidade Aumentada implantadas están sendo “especialmente útiles en formacións orientadas ao persoal” e que a incorporación da impresión 3D xa “é unha ferramenta máis de traballo diario na empresa, moi útil para que os técnicos desenvolvan o seu labor con maior precisión, con redución de custo e melloras de tempo de desenvolvemento”, dixo.
Outro dos piares do proxecto é o factor sustentabilidade. “CONGALS4 favorecerá a redución de consumo enerxético coa mellora de rendemento dos compresores de frío en función da climatoloxía e a carga de traballo, grazas ao desenvolvemento dun sistema denominado frigorista intelixente”, comentou Simarro.
Pola súa banda, Mónica Cascallar destacou que a iniciativa mobilizou directamente para a súa implementación a máis de 60 persoas, só entre CONGALSA e Gradiant. Cascallar puxo en valor a importancia de lograr resultados nun contexto que “non foi doado, posto que a iniciativa púxose en marcha a finais de 2019, pouco antes da pandemia e a crise sanitaria derivada pola COVID dificultou nun primeiro momento o seu desenvolvemento”.
Luis Miguel Simarro tamén quixo salientar a actitude de todo o persoal da empresa, que “foi clave no impulso deste proxecto” e que permitiu que o cambio cara á fábrica intelixente fose o máis suave posíbel. “En CONGALSA xa practicabamos a innovación cando aínda non se denominaba I+D+i. Esta cultura sempre a tivemos no noso ADN. Pero, sen dúbida, coa implementación deste proxecto fomos un paso máis aló, posto que os seus resultados van permitir situarnos como un referente de modelo de fábrica intelixente dentro da industria alimentaria galega”, destacou Simarro.
Pola súa banda, Luis Pérez Freire comentou que “esta alianza con CONGALSA demostra que os centros tecnolóxicos son aliados clave nos procesos de innovación do sector empresarial, facilitando a adopción das tecnoloxías habilitadoras do novo paradigma de industria intelixente grazas ao noso posicionamento avanzado nas mesmas”.
Finalmente, Mónica Cascallar sinalou que CONGALSA4.0 é un proxecto que segue vivo. “Estamos traballando con practicamente todas as ferramentas desenvolvidas no marco da iniciativa, pensando en como industrializar algúns dos pilotos validados para seguir medrando de xeito sustentábel, xerando novo coñecemento e aproveitando na industria as tecnoloxías accesíbeis e emerxentes”.