COPOGA ofrece este sábado conferencias sobre a irrupción da IA na podoloxía
venres, 13 de decembro do 2024
O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA) celebrará este sábado 14 de decembro, a partir das 10 horas, a súa asemblea xeral do segundo semestre do ano na que se presentará o plan de actividades e o orzamento da entidade para o próximo ano. A xornada completarase cun encontro de relatorios libres e a comida de Nadal.
O podólogo Benjamín Amoedo falará sobre a irrupción da Intelixencia Artificial na podoloxía e o método científico. O experto adianta que a IA está a incorporarse á sanidade en xeral e, á podoloxía en particular, automatizando procesos e tarefas rutineiras. “A IA permite analizar gran cantidade de información en segundos, polo que, ben utilizada, a medio prazo pode supoñer un cambio radical na práctica sanitaria”, sinala, engadindo que “as aplicacións, beneficios e as tremendas limitacións da IA pode carrexar problemas en termos de privacidade e risco en xestión e protección de datos sanitarios”.
Tamén Amoedo expón que, aínda que a IA é unha tecnoloxía cun futuro prometedor, polo momento o método científico tradicional e os métodos de investigación convencionais seguen sendo a referencia na evidencia científica. “Por agora a IA non pode crear coñecemento ou evidencia científica, pero si asistir e axilizar moitos procesos rutineiros”.
Finalmente, a podóloga Andrea Pérez ofrecerá unha conferencia sobre o PAT, unha nova ferramenta para a consulta podolóxica. Trátase dunha imaxe de ecografía Doppler directa dos vasos plantases que proporciona información fisiolóxica real da hemodinámica do fluxo do pé en tempo real. Ademais, facilitará aos participantes do curso unha pequena guía para coñecer como se determina esta ferramenta co ecógrafo.