CSS á carta: unha charla participativa para entender os efectos visuais desde dentro

martes, 21 de abril do 2026 Redacción

A Coruña acollerá o vindeiro xoves 23 de abril unha nova sesión centrada no desenvolvemento frontend baixo o título CSS (non tan) magic á carta, unha proposta que pretende analizar os efectos visuais en CSS desde unha perspectiva técnica e comprensible.
A charla, que se celebrará ás 19:30 horas no espazo WekCo (Novo Mesoiro, nº 2 baixo), estará conducida por Alberto García Ariza, quen propón un formato participativo no que o público terá un papel activo. Os asistentes poderán suxerir exemplos reais de efectos visuais que serán analizados en directo, descompoñendo o seu funcionamento, os principios que os sustentan e as técnicas necesarias para reproducilos.
A sesión, organizada por WordPress Coruña, busca afastarse da percepción do CSS como unha ferramenta opaca ou baseada en trucos, apostando por unha explicación aplicada e razoada do seu comportamento. Está orientada tanto a profesionais con experiencia como a persoas que se están a iniciar no ámbito do frontend.
Tras a actividade, está previsto un encontro informal de networking acompañado de petiscos e bebidas.

Perfil do relator

Alberto García Ariza conta cunha traxectoria que combina formación en Belas Artes e un doutoramento en Deseño, cunha tese centrada no código como práctica creativa. Ao longo de máis de vinte anos desenvolveu diferentes roles no ámbito dixital, desde deseñador ata desenvolvedor web, cunha especialización progresiva no frontend.
Durante unha década exerceu como docente na Facultade de Belas Artes, centrado no creative coding, e na actualidade continúa ligado á formación en diversos posgraos, onde imparte materias como UX, HTML e CSS. Ademais, participou como relator en eventos de referencia como OFFF.
Desde 2021 traballa como Frontend Engineer en Cognizant Netcentric, onde tamén destaca como referente interno no ámbito do CSS, contribuíndo á súa evolución e boas prácticas dentro da comunidade técnica da compañía.