CalDigits presenta bases de conexión con Thunderbolt 5

martes, 8 de abril do 2025 Marcus Fernández

Os últimos equipos informáticos de Apple incorporaban entre as súas prestacións o soporte de comunicacións Thunderbolt 5, o que supón un grande salto de velocidade de transferencia, pero que aínda conta con moi pouco hardware capaz de tirar proveito das súas posibilidades, o que non detén a fabricantes como CalDigit a presentar novos concentradores compatibles con Thunderbolt 5. Falamos concretamente das bases de conexión Thunderbolt Station 5 (TS5) e Thunderbolt 5 Plus (TS5 Plus), que serven para ampliar as conexións de ordenadores Mac e PC de alta gama, que chegarán nas vindeiras semanas ao mercado a 349,99 euros + IVE e 469,99 euros + IVE respectivamente.
O CalDigit TS5 ofrece 15 portos adicionais aos equipos os que se conecta, entre os que destacan 4 portos Thunderbolt 5 a 80 Gb/s, portos USB capaces de mover datos até a 10 Gb/s, conexión Ethernet a 2,5 Gbps e até 140 watts de carga, de xeito que incluso podería empregarse para alimentar un dos últimos MacBook Pro. Serviría para conectar até 2 monitores externos 8K a 60 Hz.
Pola súa banda, o CalDigit TS5 Plus vai máis aló con 20 portos e un porto Ethernet a 10 Gbps. Tamén mantén a posibilidade de achegar até 140 watts de carga e conectar até 2 monitores 8K a 60 Hz (ou 4K a 240 Hz). Algúns equipos informáticos (con Windows) poderían soportar tamén a conexión de 3 monitores 4K a 144 Hz.
Estamos ante unha solución de conectividade para un público profesional, que precisa conectar varios monitores, ler tarxetas de memoria, cargar ou conectar varios dispositivos, e conectarse a almacenamentos externos ou en rede a grande velocidade (por exemplo, para traballar con vídeo en resolucións moi elevadas). Estas bases de conexión resultan moi útiles en equipos de sobremesa, pero cando brillan especialmente é en combinación con equipos portátil, xa que simplifican enormemente o seu uso no escritorio, onde só é preciso conectalos á base mediante un cable para traballar ao momento cunha chea de accesorios.

Diagrama no que podemos ver a impresionante conectividade da base de conexión TS5 Plus

Vídeo de presentación das novas bases de conexión de CalDigits