Calasancias Vigo celebra na Zona Franca a gradación da súa 1ª Promoción de CM en Sistemas Microinformáticos

luns, 23 de xuño do 2025 S. P.

O Colexio Pai Miguez (Calasancias Vigo) celebrou na sede central da Zona Franca de Vigo o acto de gradación da primeira promoción do Ciclo Formativo de Grao Medio en Sistemas Microinformáticos e Redes. Foi, en palabras da dirección do centro e das familias dos 16 alumnos, “unha cita moi especial nun espazo emblemático da innovación e do impulso ao tecido empresarial da comarca”.
O evento, celebrado pasado venres 20 de xuño, contou coa presenza do delegado do Estado no Consorcio, David Regades, que exerceu como padriño desta histórica promoción 2025 e que mostrou o seu “compromiso co desenvolvemento do talento local e o seu apoio á Formación Profesional como eixo estratéxico do crecemento económico da zona”. Ante o director do centro, Luís Segura, o cadro docente e as familias do alumnado, Regades destacou “a alta valoración que tivestes nas empresas onde fixestes as vosas prácticas nas que sei que en moito casos xa atopastes un contrato”. O delegado non desbotou que “dada a vosa formación tecnolóxica, algúns acabedes poñendo a vosa valía ao servizo de proxectos relacionados con Zona Franca, porque estamos envorcados co noso futuro HUB TIC e estaremos encantados de contar convosco e vós”.
O cadro de coordinadores e profesorado destacou que “esta primeira promoción demostrou ao longo dos seus dous anos de formación, un exemplo admirable de esforzo, compañeirismo e profesionalidade, valores que non só foron recoñecidos dentro da aula, senón tamén por parte das empresas do sector tecnolóxico que acolleron a estes estudantes durante o seu módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT)”.
Para o cadro directivo do centro, “este acto de gradación é moito máis que unha cerimonia. É o reflexo dun modelo educativo que funciona e que conecta directamente coas necesidades das empresas. Desde Calasancias-Vigo continuamos traballando con firmeza para ofrecer unha formación actualizada, con metodoloxías activas, infraestruturas tecnolóxicas avanzadas e unha rede de colaboración real co tecido empresarial de Vigo”.