Call of Duty: Black Ops 6 anuncia cando celebrará a súa beta aberta

luns, 15 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Os seareiros da saga Call of Duty non terán que agardar moito para botar unha ollada a súa vindeira entrega, xa que veñen de anunciar que Call of Duty: Black Ops 6 prepara as súas betas do modo multixogador durante un par de fins de semana.
A primeira beta de Black Ops 6 será entre as 19:00 do 30 de agosto até as 19:00 do 4 de setembro, estando reservada a ocasión para os compradores que reservaran o xogo en consola ou PC así como para os subscritores de Game Pass.
Para o resto de usuarios estará dispoñible entre as 19:00 do 6 de setembro e as 19:00 do 9 de setembro unha beta totalmente aberta, que permitirá que a grande masa de xogadores poida coñecer as novidades deste xogo de acción en primeira persoa por unha variedade de novos mapas creados por Treyarch, acceder a unha variedade de armas e equipos e poder gozar de varios dos modos de xogo.
Antes da chegada da beta deste xogo de Activision, o vindeiro 28 de agosto, celebrarase un Call of Duty: Next, evento no que desvelarán numerosa información do xogo a través das súas canles oficiais en Twitch e YouTube.