Call of Duty: Infinite Warfare pode chegar a ocupar 130 GB de disco

luns, 10 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 4 de novembro chegará ás tendas para PlayStation 4, Xbox One e PC o xogo Call of Duty: Infinite Warfare, incluíndo unha remasterización de Call of Duty: Modern Warfare nas edicións de luxo do xogo nas súas tres plataformas, o que fai que esteamos ante unha compra ineludible para os amantes dos shooters, pero que trae unha sorpresa un tanto desagradable: as súas esixencias de espazo de disco que ocupará.
Na sección de preguntas frecuentes do xogo detallan que o espazo requirido para os dous xogos da franquía podería chegar a sumar 130 GB (incluíndo as actualizacións do día 1 e os mapas multi-xogador que se publicarán antes do remate do ano) o que é un tamaño realmente esaxerado, pois no caso dunha PlayStation 4 cun disco duro de 500 GB o xogo acapararía máis a cuarta parte do espazo de disco, o que debería levar xa aos futuros compradores do xogo a comezar a facer sitio para a instalación do novo xogo de Activision desenvolvido por Infinity Ward.
Ao parecer, uns 39 GB serían só da remasterización de Call of Duty: Modern Warfare, deixando claro que o xogo principal ocupa un espazo máis que considerable, que sen dúbida fará que durante a campaña de Nadal estea na boca de moitos vendedores á hora de recomendar aos usuarios a adquisición dunha consola cun disco duro de maior tamaño para evitar quedar sen espazo cada vez que saia un xogo deste estilo.

PUBLICIDADE