Call of Duty: Modern Warfare 3 sae á venda en España

martes, 8 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Tras o éxito de vendas de Call of Duty: Black Ops, moita era a expectación pola chegada de Call of Duty: Modern Warfare 3, título desenvolvido por Infinity Ward e Sledgehammer Games que finalmente está dispoñible nas tendas de videoxogos españolas, e que pretende superar a acollida da súa anterior entrega grazas á súa intensa campaña para un xogador, o novo sistema de xogo Operacións Especiais e uns atractivos modos de xogo en liña (potenciados pola nova rede social Call of Duty Elite, deseñada para que os máis de 30 millóns de seguidores da saga poidan gozala ao máximo).
O lanzamento deste xogo capta este ano máis atencións polo feito de que, especialmente na súa versión para PC, vai contar cun competidor de peso, Battlefield 3, xogo que ofrece unha campaña máis pobre pero un modo de xogo en liña moito máis completo, fuxindo dunha mecánica arcade e optando polo xogo en equipo para acadar o éxito nas distintas misións, o que podería afectar lixeiramente aos resultados deste Modern Warfare 3, aínda que os analistas consideran que a inercia da saga Call of Duty fará que continúe a ter unhas vendas moi fortes nesta campaña de Nadal.
Este título para maiores de 18 anos está dispoñible para Xbox 360, PlayStation 3 e PC, existindo tamén versións menos completas para Wii e Nintendo DS desenvolvidas por Treyarch e n-Space respectivamente.

Pese á falta de innovación e a forza de Battlefield 3, agárdase que Call of Duty: Modern Warfare 3 sexa un dos xogos máis vendidos na campaña de Nadal


Trailer de lanzamento do agardado xogo de Infinity Ward e Sledgehammer Games

PUBLICIDADE