Call of Duty: Modern Warfare III destaca entre os novos xogos de PS Plus

martes, 7 de xullo do 2026 Redacción

Os subscritores de PlayStation Plus poden reclamar desde este 7 de xullo e ata o vindeiro 3 de agosto os tres xogos mensuais incluídos na promoción de xullo: Call of Duty: Modern Warfare III, For the King II e CrossCode. A selección combina un shooter de grande orzamento, un RPG de fantasía con compoñente cooperativo e unha aventura de acción de estética retro.
Call of Duty: Modern Warfare III (PS5 e PS4) chega coa campaña que continúa os acontecementos de Modern Warfare II, na que o capitán Price e a Forza Operativa 141 deben deter ao ultranacionalista Vladimir Makarov. O paquete tamén incorpora un modo multixogador que recupera os 16 mapas orixinais de Modern Warfare 2 (2009) con melloras gráficas e novas mecánicas, ademais do modo Modern Warfare Zombies, que permite por primeira vez colaborar con outros equipos nun amplo mapa aberto cheo de zombis.
For the King II (PS5 e PS4) propón unha aventura de rol que mestura mecánicas de roguelite e xogos de mesa. A historia sitúa os xogadores no reino de Fahrul, onde a raíña Rosomon somete á poboación mentres establece alianzas con forzas malignas. O título permite xogar tanto en solitario como en cooperativo para ata catro participantes e incorpora un motor gráfico renovado con melloras nas mecánicas de xogo.
A terceira incorporación é CrossCode (PS5 e PS4), un xogo de rol de acción en dúas dimensións inspirado nos clásicos de 16 bits. O xogo combina exploración de alxubes, resolución de crebacabezas e un sistema de combate dinámico no marco dunha historia de ciencia ficción. A progresión baséase na obtención de equipamento e habilidades que permiten adaptar a estratexia de combate ás debilidades dos inimigos.