Camaramar introduce máis cámaras e servizos nas nosas praias e portos

xoves, 9 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Un dos principais recursos informativos dos surfeiros e dos seareiros en xeral das nosas praias, a páxina web Camaramar, vén de ser obxecto dunha importante remodelación. O sitio, que ofrece información pormenorizada e actualizada sobre o vento e o clima de cada areal da nosa costa, inclúe agora optimizacións técnicas e tecnolóxicas e un deseño responsive que, como como lembraremos, serve para que cada quen poida usar a páxina co dispositivo que máis teña a man: un computador, unha tableta ou un smartphone.
Segundo contan dende SurfGZ, os traballos de actualización tamén serviron para incluír novas cámaras dende novos puntos de vista, poñendo o foco en engadir portos e praias da nosa costa aos xa existentes na páxina. En total, estamos a falar de máis de medio cento de cámaras web (52) de gran utilidade para tomarlle o pulso, a distancia, ás condicións climáticas de cada recanto costeiro, e non só do litoral atlántico e cantábrico, senón tamén ao mediterráneo.
Engadir tamén que os responsábeis da web tamén reforzaron a actividade da páxina en materia de acontecementos, brindando a posibilidade de contratar novos servizos para eventos en directo, amais da opción de conectarmos unha webcam aos servidores en streaming de Camaramar.com.
Entre os recursos engadidos tamén se engade un compás que indica se o mar ou o vento é o axeitado para a práctica de deportes acuáticos, amais de información sobre as mareas e previsións, máis grandes para acadar unha mellor visibilidade no móbil de cada quen.

PUBLICIDADE