Cancelan o desenvolvemento de Scalebound

luns, 9 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Pese a que hai un ano aseguraron que o xogo Scalebound, prometedor título exclusivo para Xbox One e Windows 10 co que PlatinumGames prometía achegar unha aventura na que contariamos coa axuda dun dragón chamado Thuban, chegaría o mercado en 2017, o que parecía un adiamento despois de varios anos de desenvolvemento resultou ser algo máis, e as dificultades para conseguir que este xogo de rol de acción fose merecedor de estar entre os xogos de reclamo para as consolas de Microsoft optouse pola súa cancelación.
Deste xeito, este xogo que contaría cun modo cooperativo de até 4 xogadores, que presentaría en pantalla a xigantescos dragóns personalizables, non chegará a ver a luz, de xeito que Microsoft ten que axustar o seu calendario de lanzamentos para 2017 e centrar os seus esforzos en coidar títulos como Halo Wars 2, Crackdown 3, State of Decay 2, Sea of Thieves e outros.
Esta decisión pode parecer preocupante, non só por supor un duro golpe para o catálogo de xogos que se estaban a preparar para Xbox One, senón tamén por dar a impresión de que PlatinumGames, estudio de éxitos como Bayonetta, Vaquish ou Transformers: Devastation, non estaría a pasar por un bo momento, e tras as duras críticas polo xogo Teenage Mutant Ninja Turtles: Mutants in Manhattan seguidas da misteriosa eliminación do xogo das tendas dixitais para ordenadores e consolas de videoxogos enténdese que non están a traballar cos niveis de calidade aos que tiñan ao público afeito. Deste xeito, o único xogo da compañía que veriamos durante 2017 sería NieR: Automata, que sairá á venda a primeiros de marzo para PS4 e posteriormente para PC.

PUBLICIDADE