Candy Crush Saga chega a Windows Phone 8.1

xoves, 11 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O sistema operativo móbil de Microsoft partía dunha importante desvantaxe fronte a Android e a iOS, xa que ao chegar máis tarde ao mercado carecía de moitas das principais aplicacións, pero con Windows Phone 8.1 o panorama parece ser bastante diferente, e tras recibir versións de Instagram, Vine, Flipboard... e de xogos como Doodle Jump e Apalabrados, parecía que, aparte das aplicacións de Google, só quedaba unha grande ausencia que vén de solucionarse: Candy Crush Saga.
Finalmente o popular xogo de King.com está dispoñible para Windows Phone 8.1, podendo descargarse de balde e conservando a mesma mecánica e estética que no resto de plataformas. Aínda que o xogo é de balde, inclúe elementos adicionais que poden adquirirse mediante o pagamento con cartos reais.
Candy Crush Saga conta cuns gráficos moi coloridos e coidados, potenciadores que facilitarán superar os niveis máis complicados, niveis de quebracabezas vestidos de aventura, centos de niveis de partida que medran cada dúas semanas e funcións en liña para poder competir cos nosos amigos. Todo un imprescindible que finalmente está presente nos móbiles co sistema operativo de Microsoft.

PUBLICIDADE