Cangas renova o equipamento informático das súas bibliotecas

luns, 22 de xaneiro do 2018 Redacción

A semana pasada, a Biblioteca Central da Casa da Cultura do Concello de Cangas estrou novos equipamentos informáticos. Segundo informa o Goberno local, a renovación da infraestrutura TIC tradúcese en tres novos computadores a disposición de veciñanza, aos que se van incorporar en datas vindeiras catro equipos máis para as bibliotecas municipais de Aldán, Darbo, Coiro e O Hío (un dispositivo para cada centro). A renovación destes equipos, impulsada polo Concello, ten a súa orixe na necesidade de actualizar o material previo, que, nas súas palabras, xa estaba obsoleto. “Cos novos”, engade o Executivo local, “fornécese unha tecnoloxía máis moderna e potente”.
Esta acción, impulsada pola Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, está encamiñada a facilitar o acceso da cidadanía ás novas tecnoloxías, posto que, segundo indica o departamento, “hai moitas persoas que se acercan a estas dependencias municipais para facer consultas na Rede”. En palabras do concelleiro Jesús Pérez Gallego, a través desta actualizada rede de computadores establécese un soporte para que todas aquelas persoas que non dispoñan de dispositivos electrónicos ou conexión a Internet nas súas casas teñan a posibilidade de tramitar os procedementos administrativos de forma telemática: “A sede electrónica estase impoñendo e queremos que a veciñanza conte cos medios necesarios para poder acceder á mesma”.

PUBLICIDADE