Canon comercializa unha divertida impresora fotográfica

venres, 24 de outubro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 54.3 KB

Sacar ao mercado trebellos electrónicos en cor rosa ou vermella para atraer ao público feminino son estratexias que demostraron funcionar no pasado, pero algunhas empresas van moito máis aló e personalizan os seus dispositivos con motivos arriscados como deseños de Ágatha Ruiz de la Prada ou de Hello Kitty. Nesta última liña entrou Canon, e colleu a súa impresora fotográfica Selphy CP770 e lles engadiu a imaxe dos michos nipóns máis comerciais da historia, nunha edición que polo momento só se pode mercar no Xapón.
Pero o modelo de Hello Kitty da impresora de Canon só é unha desculpa para falar desta excelente impresora que vén de chegar ao mercado europeo, onde se vende por uns 142 euros, o que non está nada mal se temos en conta que se trata dunha impresora cunha pantalla LCD de 2,5 polgadas, lector de tarxetas de memoria (SD, miniSD, MMC, RS-MMC, MS, MS Duo e Compact Flash), compatible con PictBridge ou Canon Direct Print (tecnoloxías integradas en moitas cámaras compactas do mercado para facer directamente a impresión sen ter que utilizar un ordenador), axustes automáticos para mellorar a calidade das fotografías (contando incluso coa opción de eliminar o molesto efecto de ollos vermellos) e detalles realmente interesantes como un estoxo especial para gardar os accesorios, o papel e a tinta da impresora, un revestimento de protección especial que garante que as impresións estean secas dende o primeiro momento (combinado cunha resistencia que fai que as impresións se poidan manter con calidade durante 100 anos) e unha velocidade bastante boa (52 segundos por impresión).
Amais tamén é posible comunicar a impresora co móbil por infravermellos ou por Bluetooth (cun adaptador opcional).

PUBLICIDADE