Canon prepara novas lentes de realidade mixta

luns, 1 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

A presentación das Google Glass e das HoloLens deu a entender inicialmente que a tecnoloxía de realidade aumentada e realidade mixta estaba lista para o grande público, pero aínda falta moito para que poida madurar, limitándose polo momento a campos moi profesionais como fai Canon coas novas lentes MREAL S1, que teñen previsto chegar ao mercado xaponés este mesmo mes a un prezo de 4 millóns de iens (31.560 euros).
Esta solución de realidade mixta supón unha grande mellora fronte á súa predecesora (as lentes MREAL MD-20) ao pasar dun peso de 480 gramos a só 137 gramos, polo que cada vez temos produtos máis próximos ao que pretenden conseguir.
As MREAL S1 están deseñadas para aplicacións industriais, principalmente software de deseño por ordenador (CAD), para o que as lentes proxectan imaxes estereoscópicas sobre o contorno do usuario captado por cámaras integradas nas lentes, de xeito que poden amosarse obxectos virtuais tridimensionais colocados con precisión sobre o espazo físico, abrindo moitas posibilidades.
Aínda é cedo para estimar cando a realidade mixta poderá formar parte do noso día a día, pero polo momento o panorama resulta prometedor e o reto parece estar actualmente en conseguir produtos que sexan asumibles para un grupo tan amplo que resulte rendible desenvolver software para solucións de realidade mixta e realidade aumentada.

Vídeo promocional das novas lentes MREAL S1 de Canon

PUBLICIDADE