Canon presenta un obxectivo para facer vídeos envolventes en 180 graos

mércores, 6 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Para facilitar a gravación de contidos audiovisuais estereoscópicos en 180 graos para a súa visualización con cascos de realidade virtual (como as Oculus Quest 2) os usuarios de cámaras Canon EOS R5 poden agora facerse cun novo obxectivo de ollo de peixe dual RF5.2mm F2.8 L, que cun único sensor de imaxe consegue capturar imaxes envolventes en 3D que tras convertelas e procesalas co novo software Canon EOS VR (que inclúe un engadido para o Premiere Pro) facilitará a súa reprodución.
Este obxectivo da serie L deseñouse para simular unha distancia de 60 milímetros entre pupilas, e coas lentes de ollo de peixe consegue así simular a visión humana, para que ao colocarnos un casco de realidade virtual poidamos sentir que estamos na localización gravada nun vídeo de VR en 8K.
Esta solución evita ter que construír adaptadores para aliñar dúas cámaras para a gravación estereoscópica, evitando tamén a complexidade de sincronización de ambas gravacións independentes.
O novo obxectivo de Canon sairá á venda en decembro a un prezo estimado de 1.999 dólares, aínda que cómpre advertir que o software inclúido para o procesamento dos imaxes estereoscópicas funcionará baixo un modelo de subscrición.

PUBLICIDADE