Capcom organiza un torneo internacional de Street Fighter IV que durará todo o ano

martes, 11 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos Capcom conseguiu que o seu xogo Street Fighter IV nas súas distintas variantes puidese manterse no principal título de loita para competicións grazas á súa variedade de personaxes e ao bo equilibrio dos mesmos, e agora queren levar este tipo de competicións a un nivel aínda máis alto, unindo forzas co servizo de streaming de videoxogos Twitch para organizar o Capcom Pro Tour, unha liga de xogos de loita que durará todo o ano para celebrar a súa grande final no mes de decembro.
Estamos ante unha combinación de eventos físicos, torneos clasificatorios e torneos en liña que busca xuntar á comunidade de afeccionados aos xogos de loita de todo o mundo, centrándose inicialmente no xogo Super Street Fighter IV Arcade Edition para dar o salto a Ultra Street Fighter IV tras o seu lanzamento en xuño.
Aínda que a meirande parte dos encontros físicos desta competición terán lugar nos EE.UU., esperan poder celebrar unha das competicións en Europa, no marco do Dreamhack Winter 2014 que terá lugar entre os días 27 e 30 de novembro en Suecia.
Os eventos máis importantes dentro desta xira de competicións poderán seguirse en vivo a través da canle de Twitch de Capcom Fighters.

PUBLICIDADE