Capcom presenta algunha das novas mecánicas de Street Fighter V

xoves, 11 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Aínda que falte moito para que poidamos gozar de Street Fighter V, dende Capcom queren deixar claro que non se vai tratar simplemente dunha versión con gráficos mellorados de Street Fighter IV, senón que intentará revolucionar a franquía con numerosos elementos, como novos sistemas de loita, dos que detallan algúns no seu último trailer.
Ao igual que en anteriores entregas innovaron cos Focus Attaks e os Ultra Comobos, agora presentan os V-Triggers e as V-Skills, que levarán a saga a unha nova xeración.
Como exemplo temos que Ryu pode seguir executando o seu clásico Hadoken cun rápido movemento do mando e o botón de puñazo, ao igual que acontece cos Shoryuken e o Tatsumaki Senpukyaku, pero en Street Fighter V terá tamén o Mind’s Eye e o Denjin Renki. O Mind’s Eye será a V-Skill de Ryu, que executarase premendo ambos botóns medios, e que no caso de Ryu traducirase nun parry que devolver instantaneamente golpes e proxectís.
O xogo tamén recupera a mecánica do 3rd Strike de Street Fighter III, adoptada por Ryu, mentres que Chun-Li pode empregar o seu Rankyaku para saltar cara adiante nunha traxectoria baixa, mentres que M. Bison pode empregar o seu Psycho Reflect para atrapar bolas de lume no aire antes de devolvelas co dobre de velocidade. Ou sexa, que as V-Skills engaden diversidade ao xogo, aínda que, ao non afectar á V-Gauge, non son tan impactantes como o sistema V-Trigger, que levará aos personaxes ao seu límite. Empregarase un estilo de loita máis distintivo e poderase activar con só premer dous botóns fortes á vez mentres o V-Gauge está a tope. Así, cando Ryu activa o seu Denjin Renki entra temporalmente nun estado potenciado, e co Hadoken ben cargado poderá propinar golpes adicionais e rachar a garda do seu rival con maior facilidade. Pola súa banda M. Bison poderá empregar o seu Psycho Power para amplificar os seus movementos especiais e Chun-Li potenciará os seus ataques nomais.
Cómpre destacar que o V-Gauge, ao igual que o Revenge Gauge de Street Fighter IV, reiníciase entre asaltos, de xeito que é unha boa táctica aproveitalo para remontar cando queden poucos segundos de tempo.


Trailer coas novas mecánicas de combate de Street Fighter V

PUBLICIDADE